O PP aludiu 'á preocupación social e os incumprimentos de Estela Eólica' como razóns principais

O Parlamento pon punto final a incineradora do Irixo

Román Rodríguez, portavoz do PP no Parlamento galego.
O Parlamento galego deu onte por zanxado o debate sobre o proxecto para a construcción dun complexo ambiental no sur de Galicia, no concello de Irixo.
Onte aprobouse unha proposición non de lei do PP a través da que se instaba á Xunta de Galicia a facer efectiva a modificación do Plan galego de xestión de residuos urbanos 2010-2020 coa finalidade de deixar sen efecto a previsión da construción dun complexo ambiental no sur . O viceportavoz popular Román Rodríguez asegurou que 'deste xeito queda zanxado o debate respecto á localización deste complexo e refórzanse politicamente os anuncios feitos desde a Xunta de ampliar o complexo de Sogama para dar saída ao tratamento do lixo'.

Román Rodríguez sinalou que 'a preocupación social, os incumprimentos da empresa Estela Eólica e os cambios sobrevidos polos cambios na estrutura tarifaria das enerxías renovables' motivaron que a Xunta de Galicia adoptara a decisión de reforzar o complexo ambiental de Cerceda. 'Con esta decisión, o malestar social derivado do anuncio da hipotética construción dun complexo ambiental no sur de Galicia queda zanxado definitivamente', sinalou.

O viceportavoz do PP insistiu no feito de que 'é preciso mellorar a separación en orixe e reciclar todo o que sexa posible, pero todo o que non é reutilizable ou reciclable é necesario darlle saída, e desde o Partido Popular de Galicia entendemos que é moito máis eficiente e sostible ambientalmente a valoración enerxética que levar os residuos non reutilizables a un vertedoiro', razón pola cal ampliarase o complexo ambiental de Sogama en Cerceda.


POLÉMICA

O proxecto de construir un complexo de tratamento de residuos no sur da comunidade enfrentouse dende o principio coa oposición de una boa parte da sociedade. Despois de baraxar algunhas alternativas coma a súa ubicación en Dozón, o Goberno autonómico decantábase polos montes do Irixo, para o que contaba co respaldo total do alcalde, Manuel Penedo, e a maior parte do equipo de goberno, ademais dos comuneros propietarios dos terrenos.

Pero casi o mesmo tempo tamén xurdía unha férrea oposición, da que o párroco de Loureiro, Antonio González, foi unha figura decisiva na loita contra a ubicación da incineradora neste municipio.

Desta maneira, crearonse dúas plataformas contrarias o proxecto, unha formada polos propios veciños de Irixo, e outra que nacía no Carballiño da man dos socialistas.

Houbo manifestacións, recollidas de firmas e, o que foi peor, un enfrentamento casi persoal entre os veciños do Irixo, que mantivo dividido ó pobo ata que a Xunta decidiu prescindir deste proxecto.

A oposición fíxose forte, contando incluso cun acordo unánime da Corporación carballiñesa rechazando a ubicación da planta.

Te puede interesar