Plácido López: “Algo se fixo mal para  chegar ó deterioro que sofren os nosos ríos”

O fotógrafo Plácido López Rodríguez.
photo_camera O fotógrafo Plácido López Rodríguez.

A vida do fotógrafo ourensán Plácido López Rodríguez sempre estivo ligada a un río, e agora profundizou este vínculo da man do seu obxectivo cun percorrido polo río Arnoia, que retratou ó longo de todo o seu leito. A súa peculiar mirada pódese ver no libro “O río Arnoia”,  editado por Bieto Ledo e a súa editorial Ir Indo, que presentará este luns no Liceo. Tamén conta co prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín e textos a cargo de  Xosé Benito Reza.

Que foi o que o motivou a retratar ó  río Arnoia para este libro?

Hai seis anos vin vivir a Allariz dende Ourense, e foi inevitable atoparse pronto con este marabilloso río. Os primeiros anos gocei del como todo o mundo, e cando chegou a pandemia planteeime que eu tiña que saír fora, que non podía estar pechado, e pensei que era un bo momento para coñecer o río de cabo a rabo. Sempre vivín ó lado dun río, incluso nos 40 anos que estiven en Madrid. Nacín en Gomesende, co Arnoia, pero só estiven ata os dous anos e non descubrín o río, pero estaba claro que me ía marcar. Agora pecho dalgún xeito un círculo.

Que foi o que máis lle impactou deste percorrido?

Planteime un día na Serra de San Mamede porque quería comezar onde nace o río. Como dous amantes, camiñabamos xuntos: había partes nas que era fácil achegarme a el, porque hai camiños e roteiros, pero había outras nas que era imposible. Aínda así atraíame entrar por onde parecía que había moitísimos anos que non pasaba ninguén. Tamén trataba de sorprendelo, pero era o río o que me sorprendía a min, porque en cada etapa, cada vez que accedía a el nunha zona, presentábaseme dunha maneira, polo que vas coñecendo todas as caras do río: cantareiro, silencioso, tranquilo, transparente e, nalgúns casos, o río con merda. Non me quedaría con ningún tramo en especial porque son distintos, e son moitos ríos nun só río. Habería que facer unha eco-vía que permita camiñar dende o principio ata o final do río, sería moi bo para os pobos e concellos que atravesa.

Vendo como tratan os ríos, considera que os ourensanos non valoramos os recursos que temos á nosa disposición?

Aquí hai unha responsabilidade que é colectiva, desde as autoridades ata os responsables dos concellos, e tamén da xente en xeral. Eu, que levo moitos anos camiñando por montes, vou notando unha certa conciencia. Antes eramos soamente os catro montañeiros e sendeiristas os que tratabamos ben ós bosques e non tirabamos o lixo en calquera parte. Habería que facer máis, e sobre todo cos ríos, que son as veas da nosa terra. Porque, principalmente, se queremos deixarlle polo menos ás novas xeracións a herdanza que tivemos nós. Eu pasei toda a infancia en Verín,  tamén co Támega, un río que me marcou especialmente. Algo tivemos que facer mal para chegar o deterioro que sofren hoxe os nosos ríos, entre praias fluviais e centrais hidroeléctricas, todo colaborou para que o río non teña ese estado natural que chegamos a coñecer.

Te puede interesar