SEGURIDADE CIUDADANA

A Policía Local de Ourense reforzará os seus servizos diurnos

Os axentes adecuaranse aos tramos nos que "existe unha maior demanda"

A Policía Local de Ourense reforzará as súas patrullas no horario diúrno para adaptarse aos tramos horarios nos que "existe unha maior demanda", segundo trasladou o rexedor municipal da cidade.

Trala xunta de goberno local, na que tamén se aprobaron as bases do Concurso do Entroido 2017 cun orzamento de 16.000 euros, Jesús Vázquez informou sobre unha reorganización das quendas da Policía Local coa intención de "adaptarse ás necesidades da rúa".

Con este proxecto o corpo pretende adaptarse á redución dun 25% do seu persoal (na actualidade está conformado por 113 funcionarios) no últimos oito anos.

As novas quendas suporán a supresión do modelo actual para "optimizar a prestación deste servizo" ás horas nas que se produce unha maior demanda por parte da cidadanía.

Neste sentido, Vázquez lembrou que o pasado ano un 75% das 15.436 chamadas realizadas á central da Policía Local realizáronse en horario de mañá e tarde, ademais de en días laborais.

Por este motivo, as novas quendas "reforzarán o persoal nas quendas de mañá e tarde de días laborables e festivos, cando o volume de traballo é maior", explicou o edil ourensán.

Servizo nocturno

Tamén se porá en marcha un servizo de catro patrullas nocturnas entre os xoves e os sábados, nos que hai un aumento de actividade respecto ao resto das noites da semana.

O alcalde tamén informou dun cambio nas rotacións dos policías para aumentar os seus tempos de descanso, tal e como propuxo nun informe o concelleiro de Seguridade Cidadá, Carlos Campos.

Así, estableceranse quendas rotatorios "para contar con tempos óptimos de descanso entre xornadas" e para "evitar a concentración de traballo nun espazo temporal curto" coa intención de "mellorar o seguemento e eficacia dos servizos", insistiu Vázquez.

Outra das propostas expostas pola intendente xefe da Policía Local neste informe presentado por Carlos Campos avoga por incrementar o número de policías uniformados nas rúas.

A través dunha maior presenza policial na rúa confíase en que se potencie o seu efecto disuasorio e creza o grao de confianza entre os veciños.

Te puede interesar