OBRAS

O polígono de Vilamarín mellorará o saneamento

As obras de ampliación da actual depuradora arrancarán o próximo ano

O Parque Empresarial de Vilamarín, situado no núcleo de Tamallancos, contará cunha depuradora mellorada para o periodo 2018/2019, adaptada ás necesidades da segunda fase de ampliación desta área industrial que contempla uns 120.000 metros cadrados máis e que se atopa nestes momentos en fase de tramitación urbanística. 

O pleno da Deputación da vindeira semana abordará a aprobación do convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), a Deputación de Ourense e o Concello de Vilamarín para o financiamento, execución e entrega para o seu mantemento e conservación das obras de mellora desta Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Parque Empresarial de Vilamarín, "para facer frente ás novas necesidades que terá que afrontar unha vez se poña en marcha a ampliación do parque empresarial", en palabras do alcalde, Amador Vázquez.

O investimento total para a actuación estímase en 566.000 euros, dos cales a CHMS achegará o 39,75% do total, 225.000 euros, ao igual que a  Deputación de Ourense, mentres que o Concello de Vilamarín achegará o 20,5% do investimento, 116.000 euros.

Trátase dunha mellora da actual instalación, coa colocación de novos filtros e novas estruturas ante un potencial aumento de vertidos ante a futura chegada de novas empresas á zona, o que deixaría obsoleta a instalación actual. 

Este convenio abordouse onte na comisión informativa de Cooperación da Deputación e saíu adiante cos votos a favor do Partido Popular e coas abstencións do resto de grupos políticos. 

Unha vez o pleno dea luz verde a este convenio, poderá saír a licitación, co obxectivo de que no 2018 poidan realizarse as obras e nova EDAR estea en funcionamento no ano 2019. "Isto supón un desbloqueo á segunda fase da ampliación deste polígono, cumprindo coa nova depuradora os requisitos que marcou a Confederación Hidrográfica", di Vázquez. 

A propia CHMS adxudicou o pasado mes de outubro a redacción do proxecto das obras de mellora da EDAR, por un importe de 16.000 euros. 

Estas melloras no Parque Empresarial de Vilamarín compleméntanse co proxecto que Augas de Galicia ten para o acondicionamento das captacións e mellora do abastecemento a esta zona industrial e o núcleo de A Ría.

Este proxecto inclúese no programa Feader 2014/2020, e segundo os cálculos de Augas de Galicia, contará cun investimento de 200.000 euros para a súa execución final.

BEIRARRÚAS EN SAN CIBRAO

O vindeiro pleno da Deputación tamén abordará a aprobación inicial do proxecto de expropiación relativo á obra de beirarrúas no núcleo de Fonteboa, na N-525, no municipio de San Cibrao das Viñas, así como a apertura dun período de información pública polo prazo de un mes unha vez teña luz verde. A medida saíu adiante tamén onte na comisión de Cooperación do ente provincial. 

Te puede interesar