“O próximo alcalde deberá ser un edil dos primeiros postos da lista'

Francisco Rodríguez, no seu último pleno como alcalde. (Foto: José Paz)
Na vida de Francisco Rodríguez hai un antes e un despois do 20 de setembro. Aquel día foi detido no marco da operación Pokemon, da que saiu imputado por prevaricación e suborno. Empezaba así o principio da fin do seu paso pola Alcaldía da cidade, que ocupou durante cinco anos.
Que pasou pola súa cabeza ó deixar o Concello?
Pensei no inmenso honor de ter tido a oportunidade de ser alcalde da miña cidade, un honor que poucas persoas poden ter e eu fun deses afortunados. Tamén tiven a sensación de que, con todos os erros e torpezas que puiden haber cometido durante estes anos, do que non hai dúbida é de que sempre traballei para mellorar a vida dos cidadáns e, nese sentido, teño certa satisfacción porque encauzamos un proxecto importante para o futuro e transformamos a cidade durante estes cinco anos.

Dixo que non decidira dimitir antes porque quería deixar as cousas arregladas. Entendemos logo que quedaron listas?
Si. Neste momento deben quedar os instrumentos necesarios para permitir o relevo e a continuidade do goberno. Non vou dicir que estea todo rematado, pero creo que o traballo que había que facer para ter esa garantía está moi avanzado. A responsabilidade do PSOE como do BNG é de seguir respectando por riba de todo o compromiso que adquirimos cos cidadáns hai pouco máis dun ano e esa xenerosidade vai permitir ós representantes dos grupos políticos ter a altura de miras suficientes para continuar a senda que iniciamos hai cinco anos.

E quen vai sucedelo?
É unha boa pregunta, pero, como á persoa que podo ter na cabeza aínda non llo dixen, pois non me atrevo a adiantalo. Hai moitas persoas que están máis que capacitadas. O importante non é quen sexa, senón que aglutine e cree a necesaria harmonía para poder seguir.

Fala coma se fora vostede quen vai elixir o seu substituto.
Non estou nesa situación pero, e é unha opinión, no meu partido hai unha confianza depositada en min para facer unha proposta. É un labor que me comprometín levar a cabo. Non é só propoñer a unha persoa senón que suscite o apoio doutros 13 concelleiros para ter a maioría absoluta que dea estabilidade ó goberno.

Xa que non me dá o nome, pode dar algunha pista...
Ó non estar o número un (da lista), tocaríalle ó dous. Agora mesmo, o número dous, que é Marga (Martín), vai asumir todas as competencias e responsabilidades da Alcaldía para pilotar esto ata que se celebre o novo pleno. O normal é que se o dous non quere por algunha circunstancia, sexa o tres (Agustín Fernández), a catro (Áurea Soto)... Hai que ir por esa orde pero tampouco creo que haxa que chegar ata o final, atoparemos un antes. Insisto en que capacidade téñenna todos, pero neste momento é bo que esa persoa teña a sensibilidade de poder manexar unha situación que non vai ser fácil.

Daquela será un concelleiro afín a Francisco Rodríguez, non?
Máis que afín ou non, debera ser un dos concelleiros que están nos primeiros postos (da lista), dos cinco ou seis primeiros. O normal é que non teñan que renunciar oito ou nove concelleiros para chegar ó 10. Con todo, aínda hai que seguir falando. Dende o luns (mañá) tentaremos ir pechando estas cousiñas.

Está entón reconciliado xa co seu partido político?
Non vou negar que estes días foron tensos. Tal vez a miña mirada da realidade era distinta á do partido porque era o que directamente asumira uns compromisos que quería respectar. Fixera o que fixera estes días, sempre ía ser discutible, pero creo que teño a confianza da dirección do partido a nivel autonómico para tentar chegar unha fórmula que resolva esta inestabilidade.

Como queda a harmonía do grupo despois de falar vostede de deslealdade e traizón?'
Ás veces, en momentos como os que pasei eu, podes dicir cousas que ó mellor non son as maís politicamente correctas. O que si tiven foi algunha decepción con algunha persoa, pero eso ten que quedar no olvido porque o importante é o futuro.

Marcha proclamando a súa inocencia, pero fálase de conversas telefónicas que o comprometen.
Teño que defender a miña inocencia. Estamos nun Estado de dereito e a Xustiza terá que aclarar todo esto aínda que ben é certo que o dano é irreparable. Eu dixen que estou disposto a que investiguen todo o que teño e que me teñen a súa disposición ás 24 horas do día para ir a onde me chamen. Involúcranme nunha operación que tentaba favorecer a unha empresa a cambio de regalos ou do que fóra. Eu sempre digo o mesmo, que esa empresa coa que se di que eu intermediaba para conseguir cousas, non logrou nada, así que supoño que esto algún valor terá que ter. Se non conseguiu nada, como é posible que a cambio de nada se me puidera regalar algo? Ese é o tema, e se presentou nos últimos meses a dous concursos importantes.

Así que non ten un Rólex e pisos en Brasil?
Non teño nada deso, o Rólex non sei como é. A ver se vou telo e non me enterei, porque nunca vin ningún, pero deso non hai nada. E por iso espero que esto se resolva canto antes, para limpar a miña imaxe diante de todos os cidadáns. Eu podo dicirlles que nese sentido non se van sentir defraudados porque este alcalde sempre actuou coa máxima transparencia e honestidade e son o mesmo. Non cambiei.

Que vai facer agora?
O luns (mañá) vou pedir a alta no instituto (Carballiño). Espero estar en condicións, porque ser alcalde é importante pero ensinar -e terei que poñerme ó día- tamén o é e, sobre todo, moi gratificante. Volvo encantado, non é a primeira vez que me incorporo dende a política, pois xa o fixen despois de ser diputado. Farei unha vida normal, con máis tempo de adicarlle á miña familia.

Cre que volverá a política?
É algo no que non penso. A min por suposto que me houbera gustado despedirme doutra maneria pero me tocou sufrir esta situación e o único que me queda é manifestar a miña vontade de que se hai que investigar calquera cousa relacionada coa miña vida, que se faga. n

Te puede interesar