Quintas demandará por inxurias o secretario provincial do PP en Ourense

A secretaria de organización do PSdeG na provincia ourensá, María Quintas, anunciou hoxe a presentación dunha demanda de inxurias contra o secretario provincial do PP en Ourense, Rosendo Fernández, que a acusou de representar os socialistas e continuar afiliada ao Partido Popular.
Fernández desvelou que a tamén deputada galega continúa adscrita ao Partido Popular, filas ás que se adheriría no día 31 de marzo de 1989, porque 'non pediu aínda a baixa', mentres que Quintas, nunhas declaracións á Efe, negou calquera vinculación 'súa ou da súa familia co PP', e engadiu que a demanda por inxurias contra a súa persoa a presentará 'contra Rosendo Fernández, e, por extensión, contra o PP'.

Fernández denunciou nesta mañá en conferencia de prensa as contratacións feitas a familiares de dirixentes socialistas en concellos ourensáns en que goberna o PSdeG, e con ironía engadiu que os populares queren pensar que é 'por méritos persoais, e non por outras cousas'.

Fernández recriminou, do mesmo modo, o PSdeG polo seu 'comportamento ruín' porque, baixo o seu criterio, este grupo está intentando 'sacar tallada' da admisión a trámite da querela presentada contra o ex presidente da Deputación e do PP de Ourense José Luis Baltar Pumar por un presunto delito de prevaricación continuada nos seus últimos anos á fronte do ente provincial, que abandonou en xaneiro de 2012 despois de máis de dúas décadas no mando.

Despois de dicir que o PP non 'entra' nas mesmas argucias que o PSOE, Rosendo Fernández indicou que se o fixese 'podería presentar unha relación de centos de casos' de familiares de cargos políticos con importantes responsabilidades noutros partidos con vinculacións laborais, maioritariamente en consistorios ourensáns.

Así, aludiu ao secretario provincial do PSdeG de Ourense, Raúl Fernández, ao portavoz do grupo socialista na Deputación ourensá, Ignacio Gómez, citando o caso da súa parella, á que lle foi dado emprego, dixo, nunha residencia pública da terceira idade en Carballeda de Avia; e a un 'senador' socialista por Ourense, en alusión a Miguel Fidalgo, aínda que a este non o chegou a nomear.

A propia María Quintas replicou a Rosendo Fernández que se ten constancia de irregularidades nas contratacións, que'o denuncie publicamente' mais 'pola vía xudicial', precisou, e atribuíu esta manobra dos populares ourensáns a 'un intento de desviar a atención' do seu problema: 'usaron diñeiro público para pagar favores'.

O secretario provincial dos socialistas ourensáns, Raúl Fernández, puntualizou nunhas declaracións aos informadores que Rosendo Fernández, se coñecese todos estes datos, debeu ir á xustiza 'antes'.

O portavoz do grupo socialista na Deputación de Ourense, Ignacio Gómez, indicou, por súa parte, en alusión ás insinuacións de Rosendo Fernández sobre a súa compañeira sentimental, que 'o que ela decida', unha rectificación pública 'ou aclarar estes feitos no xulgado'.

Gómez negou que a súa parella traballase nesa residencia da terceira idade.

Te puede interesar