Anxo Lugilde Pardo. Autor de 'A participación política dos emigrantes galegos (1905-2010)'

“Retirar o voto aos emigrantes é como un acordo de desarme entre o PSOE e o PP'

Anxo Lugilde durante la presentación de la tesis.
É un experto sobre a emigración, á que dedicou dous libros ('El drama de la quinta provincia gallega' e 'O voto emigrante. Viaxe pola zona escura da democracia española') e unha recente tese de doutoramento sobre un fenómeno socioeconómico inseparable da configuración da Galicia contemporánea. Hai no exterior 365.172 galegos con dereito a voto (o 13,6 % do total) que poden decidir a cor dun goberno. A piques estivo de suceder nas autonómicas de 2005, con Fraga de presidente.
PSOE e PP van reformar a lei electoral para que os emigrantes non voten nas eleccións municipais, pero eles critican que, en cambio, poidan facelo os inmigrantes.


Supónselles descoñecedores das realidades concretas dos seus concellos de orixe, e a propia Constitución recoñece que voten veciños e inmigrantes, pero non os emigrantes. Tamén hai que ter en conta o pouco peso do seu voto nas municipais, que nunca chega ao 1% (18.359 votos en 2007), e os problemas derivados do trámite para votar. De feito, en 2007 houbo que repetir as eleccións no estranxeiro para o concello de Arnoia e en 2003 para o de Fisterra. Agora fan bandeira desto pensando que lles van quitar o voto para as outras eleccións, pero é positivo que se elimine o voto nas eleccións municipais porque, coma o voto autonómico, apenas existe no mundo.


De qué forma vai influir a reforma?

Como se introducen máis garantías e trabas para votar, o volume de voto vai caer de xeito importante. Eu aventuro na tese que como mínimo a caída será dun 50% respecto ao que había antes da norma do esixir DNI, antes de 2009, e tamén se reducen as posibilidades de fraude, aínda que pode seguir na medida que se mantén o correo.


Feijóo prometéralles manter todos os dereitos e criticanlle que agora cale.

Feijoo defende a posición do PP en Madrid e cambia de postura sen ningún rubor. No ano 2005 era cabeza de lista por Pontevedra, nunhas eleccións nas que o PP intentou gañar co voto no estranxeiro e darlle a volta ao resultado en Galicia. Logo, na campaña electoral do 2009, dicía que ese voto exterior era un escándalo, que habería unha gran conmoción se Galicia tiña o 1 de marzo un presidente que puidera cambiar por outro 'saído das sacas' (cos votos do exterior). O que era lixítimo con Fraga para manter o poder, era ilexítimo que llo fixeran a el. Tamén Touriño, en 2001, na oposición, dixo que a transparencia do voto no exterior era un problema de dignidade nacional galega, pero en 2009 propúxolle ao PSOE que recorrera contra a decisión da Xunta Electoral Central de establecer o mecanismo de transparencia que era esixir o DNI.


Por que o PSOE apoia agora cambios nun sistema de voto que tradicionalmente beneficia ao partido no poder?

É un acordo de desarme entre PSOE e PP. Esta reforma é necesaria e urxente polo menos desde 2005, pero agora non se fai para regularizar o voto no estranxeiro, senón como consecuencia da conxuntura política española. O PSOE sabe que é moi probable que perda as próximas eleccións e pensa que se non cambia esto agora que o beneficiado será o PP. Tamén porque leva seis anos incumprindo as súas promesas. O PP apóiaa para chegar ao Goberno e que non volva pasar o de Ourense, que en 2009 o PSOE lle quitou un escano pola emigración.


O voto chegado do exterior está sempre baixo sospeita de fraude. Votan ata os mortos. Por que é o gran burato negro das elecciones galegas do que fala vostede?

É un problema que se arrastra desde hai máis dun século, con prácticas caciquís propias da Restauración, baixo o principio de que quen convoca gaña. En 1995, o PSOE cre que vai perder as próximas eleccións xerais e baleiráronse os rexistros consulares no censo electoral, co que quedaron inscritas moitas persoas que estaban mortas. Poden votar mortos, ou vivos sen enterarse, porque outros o fagan por eles. Non hai mecanismos que garantan que o que vota sexa elector. Desde 2009 esíxese aportar fotocopia de DNI, o que non elimina que poida votar un morto, pero complícao.


Hai preocupación dos partidos políticos pola emigración?

É unha preocupación interesada, baseada en descarnados cálculos electorais. Tamén do BNG, que como recibe pouco apoio da emigración quería reducir o voto do exterior, pero ao mesmo tempo que computara no reparto de escanos porque lle daría maior representación a Galicia. PSOE e PP fomentaron ese voto exterior ata o punto que nas autonómicas de 2005 chegou ao 6,3%, 9,2% en Ourense. Nas de 2009 baixou ao 4,5%, pola esixencia do DNI, pero segue cunha importancia desmesurada. O propio nome do presidente da Xunta estivo pendente do voto exterior nas autonómicas de 2005. O PP estaba naquela noite electoral a 8.160 votos de conseguir un novo deputado por Pontevedra e que Fraga, por tanto, seguira de presidente. Ao final a distancia cos socialistas aínda aumentou, polo relevante apoio de Néstor Kirchner ao PSOE. Se estivera Ménem teríao feito a favor de Fraga.


Qué papel ten a provincia de Ourense nesa tese?

É unha tese bastante ourensá porque o director, Xosé Manuel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da USC, é de Ourense, e Ourense é a circunscripción provincial para o Congreso na que a emigración ten máis impacto. Logo, a consulta de La Región Internacional foi básica para o estudo da emigración a Europa.

Te puede interesar