Coas proxeccións sen pechar e á falta da gala de clausura, o equipo responsable do certame considera como 'positivo' o balance global

As salas acolleron unha afluencia de 500 espectadores diarios

Colas nas taquillas do Cinebox para a primeira sesión da tarde de onte. (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
Restan aínda as sesións de hoxe, con proxeccións de títulos fóra da competición oficial. Resta tamén a gala de clausura, onde os premiados recibirán o recoñecemento dos cinéfilos ourensáns. E resta, por último, que as salas volvan acoller ás historias triunfantes desta edición para aqueles que non as puideran cando aínda eran competidoras. Con estas citas sen celebrarse, os organizadores do Festival de Cine de Ourense poden, despois de oito xornadas ininterrumpidas de cinema, comezar a asentar as reaccións e acollida desta XVII edición.
Obviamente, as cifras de asistencia non están pechadas, pero as sensacións comezaron xa a xermolar no equipo organizativo e son 'positivas porque o público respondeu'. Diego López, voceiro do certame cinematográfico, estima por volta dos 500 espectadores diarios a asistencia da última semana, unha tendencia semellante á do ano pasado, cando a oferta programática incluía máis seccións competitivas. Dentro deles, poderíase falar dun 'grupo próximo ás 100 persoas que intenta ir a todo'.

O camiño ata chegar á celebración da edición do 2012 foi longo en incertidume e curto en formulación, pero á primeira misión pode colgárselle xa a medalla de conseguida. 'Creo que despois de tódalas dificultades hai unha resposta positiva por parte do que interesa: ver un tipo de cine que por desgracia non adoita chegar a Ourense', salienta López.

A resposta é, pois, unánime pero, como en cuestión de gustos nada está escrito, as reaccións están sendo variadas. Un dos criterios de selección do comité programador é o de descartar historias planas e deixar para a competición aquelas 'con matices'. Como é lóxico, inflúen outros factores, pero tamén este. Segundo explica Diego López, á oficina do festival chegan obras 'moi difíciles de ver para un público acostumado a un cine máis comercial' e, por iso, tamén buscan que 'sexan atractivas' para os espectadores.

Este ano, houbo máis dun cento de directores que propuxeron as súas obras para o OUFF. Ese amplo abano de posibilidade permítelles ós organizadores do festival 'facer a selección pensando no público'.


CAPACIDADE DE SACRIFICIO

Cando se lle pregunta ó voceiro do certame se a organización deste ano supuxo un punto de inflexión no equipo responde que, cando menos, 'foi diferente'. A demora na convocatoria das bases de participación e as incógnitas institucionais para o seu financiamento alongáronse durante meses, deixándolles pouco máis dun par de meses para darlle corpo ó OUFF. Dese xeito, tiveron que tomar unha premisa por bandeira: 'o que fixeramos, fora moito ou pouco, tiña que saír ben'.

Para iso contaban con '16 persoas na oficina que o dan todo'. Xuntos aprenderon que 'temos unha capacidade de sacrificio enorme'. Diego López agarda confía nas potencialidades do equipo co que a diario traballa insistindo en que 'se lles damos tempo, poden facer cousas moi importantes para este festival'.

Como de todo se aprende, cada ano a experiencia vai sumando puntos e iso permite que a estas alturas a organización vexa como problemas cousas nas que antes nin se podían fixar porque erros máis grandes chamaban a súa atención.

Te puede interesar