A porcentaxe de sentenzas redactadas en galego, segundo algúns cálculos, apenas acada o 3,5%

U-lo bilingüismo nos xulgados galegos?

A porcentaxe de sentenzas redactadas en galego, apenas acada o 3´5%.
A administración de xustiza mantense historicamente impermeable ao uso da lingua galega. Dende a aprobación da Lei de Normalización Lingüística en 1983, na que se establece o dereito do cidadán a ser atendido en galego na súa relación coa administración de xustiza, pouco foi o que se avanzou. Así o evidencian as estatísticas: salvo Pontevedra, o resto de provincias producen escasas sentenzas en galego. Isto prodúcese nun contexto no que a maioría de xuíces que traballan en Galicia son dominadores da lingua.
Galego? Galego na administración de xustiza? Non. O galego non está invitado a esa festa. Certo é que sempre hai anécdotas, hai excepcións, hai accidentes, hai milagres. Mais o sistema é monolingüe e favorece que o siga sendo. Ourense é un páramo aínda en maior medida que o resto de Galicia.

A pensar de que arredor do 80% dos xuíces son de orixe galega, o uso da lingua en autos e sentenzas só está xeneralizado en xulgados como o da Fonsagrada (Lugo), o de Instrución número 4 e o do Social número 1 de Santiago; o número 1 de Caldas; o de Violencia de xénero de Vigo; a Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra; o número 1 de Marín, e o Penal número 2 de Vigo. Todos os demais realizan a práctica totalidade dos trámites en castelán. Salvo anécdota ou milagre.

Luís Villares, xuíz da Fonsagrada que sentenza en galego, fala de dous cancros: ‘A falta de medios e a inercia dun sistema castelanizado’. ‘Só o 3,5% das sentenzas se dita en galego’.

Falar de medios escasos significa ‘dispoñer dun programa informático pensado e deseñado en castelán, cunha base de datos na que só dous de cada oito documentos están traducidos’. Tampouco existen materiais lexislativos. ‘Normalmente traballamos con 30 leis de uso común, das que non hai traducións consolidadas’. Iso quere dicir que aquel xuíz que desexe pronunciarse en galego ten que traducir os textos el mesmo. E perder un tempo precioso.

Datos contundentes

Un informe do Goberno galego (Reflexións sobre a xustiza), de marzo de 2009, e que cita un anterior do Consello de Europa, ofrece datos de 2005. Nas distintas salas do TSXG, de preto de 10.000 sentenzas, apenas 150 estiveron en galego. Por audiencias provinciais, na Coruña, sobre un total de 1.860, todas foron escritas en castelán. En Lugo, de 1.700, só catro se redactaron en galego. En Pontevedra, sobre un total de 3.900, 500 podían lerse en galego. De feito, o 36% das sentenzas da Sección Segunda foron redactadas en galego. No capítulo de Ourense, non hai capítulo. Non existen datos. Esa opacidade xa é indicativa.

En todo caso estamos diante dunha ‘provincia que non destaca pola súa normalización’, di Villares. Apenas consta, no informe do Consello Europeo, unha mención aos Xulgados do Social solicitando asesoramento para redaccións en galego Dereitos sen consolidar O dereito a ser atendido en galego está condicionado pola aptitude e a actitude dos actores da xustiza: funcionarios, maxistrados, xuíces, fiscais, procuradores, avogados. Os casos de descoñecemento da lingua levan ao cidadán a ser reconducido cara o castelán. Agora ben, os datos non debuxan un escenario desa natureza. Villares calcula que un 90% dos xuíces teñen superados os cursos de capacitación. O informe da Xunta indica que un 75% do persoal acredita un coñecemento medio. Pero aínda así, non se emprega apenas apenas, nin en sentenzas, nin noutros documentos. De feito, ‘é habitual que, diante de testificacións en galego, os funcionarios transcriban en castelán’.

Explicacións? Ademais de falta de medios hai explicacións sociolóxicas: a mobilidade dos funcionarios; as facultades de dereito, nas que se imparten as clases normalmente en castelán; o traballo extra que esixen as traducións... E tamén hai prexuízos. ‘Algúns consideran que galego non é unha lingua idónea para a xustiza’, di Villares.

‘Todos responsables’

En 1997, o Consello Xeral do Poder Xudicial, no Libro branco da xustiza, afirmaba que esta ‘permaneceu como un reduto pouco permeable á utilización das linguas distintas ao castelá’. Pasaron os anos e a situación ‘segue ofrecendo un panorama de evidente retraso’. Miguel Trigás, ex decano do Colexio de Avogados de Ourense, calcula que ‘todos somos responsables porque só hai voluntarismo e apatía’. Entre xuíces e fiscais, porque ‘se domina o idioma pero non se emprega’; entre os letrados ‘porque se redactan poucas demandas en galego’; entre os funcionarios ‘porque a inercia do castelán e fortísima’.


O caso exemplar dun xuíz... cordobés

José Manuel Ruiz García, maxistrado do Penal número 2 de Ourense, chegou de Córdoba, e hoxe forma parte dese reduto que fala galego (con acento andaluz) naquelas situacións, durante as vistas orais, que os cidadáns se pronuncian en galego.

Dende a súa chegada a Ourense, tras pasar por distintos xulgados da comunidade, entendeu que aprender o idioma galego, no que os cidadáns teñen dereito a ser atendidos, non era senón contribuír á consolidación de dereitos recollidos na Constitución, o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización. Tamén era un modo de integrarse antes na cultura do país.

Rosa García, titular do Xulgado de Violencia de Xénero de Ourense, é tamén unha galega falante habitual. Non tanto á hora de redactar sentenzas como á de manter comunicación oral cos cidadáns e funcionarios. Ao igual que Villares, lamenta ‘a falta de medios’ coa que bate o galego na admistración da xustiza, mentres enfatiza que, no seu paso por un xulgado de Xirona, advertiu en cambio ‘un tratamento moi diferente respecto da lingua catalana’, de uso máis normalizado. De feito, mentres a administración da xustiza en Galicia dispón dunha oficina de normalización lingüística por cada audiencia provincial, máis outra no Tribunal Superior de Xustiza, Cataluña dispón de 50 técnicos lingüísticos destribui dos pola totalidade do territorio, coa misión de formar e asesorar, pero tamén dinamizar o uso do catalán nos xulgados. Circunstancia que, segundo Xosé González, membro da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, ‘non cumpren as oficinas galegas’, lastradas por todos os ‘malos hábitos’ atribuídos historicamente ao funcionario.

Varela e Barreiro

Hai que afastarse de Ourense para atopar xuíces e maxistrados modelos na normalización. Luciano Varela foi o primeiro maxistrado da Audiencia de Pontevedra que accedeu a unha sala do Tribunal Supremo, no ano 2007. Ata entón, a súa produción xurídica estaba escrita en galego. O seu compañeiro José Juan Barreiro Prado, presidente da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, dita dende 1987 as súas sentenzas en galego. Neste tempo, a súa produción achégase ás 30.000. Confesa que pese a que ‘cada día hai máis xuíces’ dispostos a empregar o galego, a situación aínda é ‘desesperanzadora para os que cremos no galego como lingua de futuro’.

Iniciativas normalizadoras Entre as súas iniciativas para propiciar un escenario más favorable ao galego, está o impulso xunto cunha trintana de xuíces, fiscais e avogados, da Declaración de Foz, en defensa do uso do galego nos ámbitos xudiciais. En xuño de 2008 foi tamén protagonista, en Celanova, da constitución da Irmandade Xurídica Galega, da que forman parte outros nomes como Carlos Varela, fiscal xefe do TSXG, o comisario xefe da Policía de Galicia, Luís García Mañá, ou Miguel Trigás, ex presidente do Consello da Avogacía de Galicia. Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Linguística, considera que o escaso uso do galego na administración de xustiza ‘demostra a falacia daqueles que falan dunha imposición da nosa lingua’. Non hai ‘correspondencia entre os que usan o galego, e o papel residual que ten na xustiza’, e lembra que o Consello de Europa denunciou no seu día a ‘vulneración de dereitos lingüísticos na admistración do Estado, na xustiza e no ensino’.





Te puede interesar