Tribuna

Xavier Prado Lameiro

Monumento a Lameiro no Xardín do Posío.
photo_camera Monumento a Lameiro no Xardín do Posío.

Alberto Portela Vázquez -doutor en Veterinaria, académico numerario da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, presidente da Asociación de Historia Veterinaria de Galicia (HISVEGA) e vicepresidente da Asociación Española- presentou hai uns meses o libro “Xavier Prado Lameiro, legado cultural e social”, editado pola Deputación.

Tamén hai uns meses, apareceu o libro “A retirada de Napoleón. Memoria da montaxe e adaptación da peza de X. Prado Lameiro para o I Centenario da Coral De Ruada”, coordinado polo profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (Vigo) Nando Llera.

Son dous exemplos do interese que esperta aínda hoxe a obra de Prado Lameiro, cando se van cumprir no ano 2022 oitenta anos do seu pasamento.

Prado Lameiro foi no seu tempo un escritor moi querido e aclamado por un pobo ao que coñecía moi ben, xa que a súa profesión de veterinario lle permitiu viaxar por toda a xeografía ourensá observando as súas formas de falar, de expresarse, de comportarse, tomando boa nota de todo isto e reflectíndoo nas súas obras. A proba desta popularidade é que a publicación da primeira edición das súas Obras Completas en catro tomos -así coma o monumento do Xardín do Posío- foi posible, grazas ás achegas voluntarias de moitos admiradores de tódolos pobos da nosa xeografía, ademais do recadado por De Ruada nos concertos celebrados a tal fin por toda Galicia e das axudas de Concello e Deputación. A segunda edición desta obras correu a cargo do Concello de Ourense en 1995, cun estudo introdutorio realizado por Marcos Valcárcel. A terceira -última polo momento- viu a luz en 2014, nunha edición facsímile promovida pola Coral De Ruada, patrocinada pola Deputación e editada por Duen de Bux, cun estudo introdutorio de Delfín Caseiro nun tomo adicional. Na actualidade estamos a traballar nun novo tomo que recollería as obras inéditas.

Moitas das obras de Prado Lameiro foron representadas pola Coral De Ruada nos salóns e teatros de Galicia, España, Arxentina, Uruguai e Brasil. Pero non so foi De Ruada quen representou estas obras, senón moitos outros grupos galegos. Milleiros de persoas aplaudiron a rabiar, en todas estas cidades e teatros, as representacións de Marzadas, Luis de Castromouro, Na corredoira, Almas sinxelas, A retirada de Napoleón, Estebiño, O Cego da Xestosa, Os trasacordos de Mingos, Un home de sorte, Amor barato, O curioso de Penagache, Tratos, ¿Onde vas Mansamina?...

Na súa faceta xornalística hai que destacar dúas importantes realizacións: a recuperación en 1917 -xunto con outros compañeiros das Irmandades da Fala- do voceiro O Tío Marcos da Portela e a fundación en 1920 -xunto con Vicente Risco, Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez, Florentino Cuevillas e outros- da revista Nós, da que foi redactor-xefe durante os primeiros dezaoito números e coa que colaborou en distintas ocasións.

Aparte da súa faceta literaria e xornalística, Xavier Prado escribiu monografías e varios artigos sobre temas pecuarios en xornais e revistas especializadas e pronunciou varias conferencias sobre esta mesma temática. Foi ademais o presidente fundador do Colexio de Veterinarios de Ourense (1923).

A pesar deste extraordinario curriculum a figura de Prado Lameiro segue a ser escandalosamente infravalorada. Así o fai constar Alberto Portela no libro mencionado anteriormente: “Os estudosos da literatura non inclúen a Lameiro no grupo Nós baseándose na falta de universalidade e que a súa poesía está polarizada exclusivamente no ambiente rural. Pero, ao mellor, a súa principal diferenza é non compartir certos matices ou ideais políticos que identificaban os intelectuais do Grupo Nós.” De ser isto último, estase a cometer un flagrante agravio con Prado Lameiro que non se cometeu, afortunadamente, con outros recoñecidos escritores -do grupo Nós e máis novos- que non procede sinalar, soamente hai que consultar as páxinas de La Región das semanas e meses posteriores ao golpe de estado do 36. Por outra banda, oitenta anos despois do seu pasamento e preto de cincuenta despois do final da ditadura, é tempo de ir separando o gran da palla e poñer no lugar que lle corresponde a este gran escritor ourensán.

Te puede interesar