Presidente do PP na provincia de Ourense

Xosé Luis Baltar: ‘Eu voume ir voluntariamente pero se me andan con comedias entón quédome’

Xosé Luis Baltar durante a entrevista, na sala de Xuntas da Deputación. (Foto: Miguel Ángel)
Exultante polos resultados electorais, Xosé Luis Baltar, presidente do PP en Ourense, pon novamente sobre a mesa o seu relevo, ‘no mellor momento’, porque tras un triunfo o trauma será mínimo. Irase pero se ninguén ‘enreda’ porque, doutro xeito, ‘quédome’. Namentras, e á espera de coñecer o novo goberno, preocúpalle máis que a nova Xunta sexa sensible con Ourense que o número de conselleiros que esta provincia deba aportar.
Foi na provincia de Ourense onde o PP acadou máis respaldos porcentualmente, pero houbo menos votos. Pódese falar dunha tendencia á baixa?

Non. Esta é unha provincia na que inflúe moito a demografía, o que falla é a xente maior. Nos pequenos concellos xa non hai onde ter máis votos, por eso non creo na baixa, é que desaparece a poboación rural. Sin embargo, onde temos que ter cuidado é na cidade, nas vilas e nos concellos que rodean a Ourense. Con todo, a porcentaxe do PP de Ourense foi a mellor de Galicia, e pense que hai catro anos este partido tamén mantivo o tipo na provincia, non se perdeu a Xunta porque se descalabrase o PP de Ourense.

Si que os resultados na cidade foron excelentes. Entusiasmou o PP ou disgustaron os outros?

Na cidade traballouse moito. Puxemos máis actos na cidade que nunhas municipais, anduvemos por tódalas rúas e, a nosa campaña tiña dúas estratexias; por un lado, falar do que non querían os outros, que era da crise e, por outro, nos incumprimentos do bipartito. Teña en conta que a ilusión que hai catro anos puxeron moitos electores nese goberno, non quedou satisfeita. E, claro, houbo outra campaña, a dos ataques. Ó mellor atacarme a mín, como xa son moitos anos facéndoo, non fai mella no elector, pero cando nós puxemos claro que eses que nos criticaban tamén teñen as súas debilidades, sorprende máis e, dende logo, non fixeron nin rexeneración democrática nin reequilibrio territorial. E proba deso foi o último mitin nos Remedios, era impresionante. Cando saímos díxenlle a Alberto, gañamos as eleccións.

E ó día seguinte, prantexa públicamente a necesidade do seu relevo. Por que agora, no momento doce?

Xa dixen tralas eleccións xerais que podería ser entón o momen to oportuno para deixar a dirección do partido. Prestábame a eso porque igual que quero que se me teña en conta a responsabilididade cando se gaña, que se faga cando se perde e aqueles resultados foron unha derrota sen paliativos, pese a que gañamos. Pero dixéronme que era mal momento; e a mín non me gusta, salvo que os militantes mo pidan, abandonar o partido cando está en horas baixas. Agora, que son momentos doces, é cando menos trauma vai causar o relevo. O partido está agora máis unido e hoxe non se crearían problemas. Pero tamén digo que aceptarei o que digan os militantes e moitos alcaldes, que apostaron por mín cando houbo dificultades.

Que pensa entón de persoas como o ex alcalde Cabezas, que parece ter presa pola súa marcha?

O que eu quero deixar claro é que me vou voluntariamente, acepto o relevo voluntariamente. Se me andan con comedias, non estou pola labor. Se xogamos todos limpo e pensamos só no beneficio do Partido Popular, eu son o primeiro que está a disposición; agora, se empezamos, como algún que xa quere meter baza (en alusión a informacións publicadas sobre supostas pretensións de Manuel Cabezas de loitar pola presidencia) entón xa digo que non. E teño que dicir que me chamou o presidente rexional para asegurarme que ninguén o chamara dende Ourense, nin lle prantexara nada. Se houbera esa corriente de oposición tan forte no par tido, xa me iría antes porque, ós meus anos, que aspiracións vou ter? Non as tiven nunca e eso que moitos me dixeron que debía encabezar eu esta última candidatura por ser eleccións cruciais. E, dende logo, ninguén me pode dicir que non traballei polo partido, fose quen fose o candidato. E se non me gusta o candidato, é o mesmo que se me gustara; traballaría antes para que non o fose, pero unha vez decidido, eu traballo e non teño en conta nada.

Se non hai, pois, comedias e se prantexa ese relevo, cal é a fórmula?

Primeiro hai que sondear ós militantes e ós alcaldes, non me gustan os relevos que veñen dende arriba. E facer unha lista dunha serie de persoas que convería ter. Falar con eles e se chegamos a un acordo, resolto e, se non, convocaríase un congreso e o que mais votos tivera, sería o presidente. Ou non somos demócratas?

Deixaría tamén a presidencia da Deputación?

Por suposto. O máis honesto neste momento é que eu termine o mandato, salvo que pense o partido que o relevo ten que levar todo. Despois, xa non ten sentido que siga na Deputación; cando unha persoa deixa unha cousa, déixaa, non quero escano no Senado nin nada.

Que papel debe representar Ourense na configuración da Xunta, dados os resultados electorais do domingo? E cantos conselleiros debe ter?

O tema dos conselleiros non me preocupa. Home, cantos máis mellor pero tamén hai que deixar as mans libres ó presidente para facer un goberno que non se convirta nun reparto territorial. Alégrame que non queira facer un goberno cremallera, que entren os homes e mulleres que deban. Eso si, quero que os que sexan teñan sensibilidade con Ourense porque, se non, vannos pedir responsabilidades dentro de catro anos, como fixeron agora co bipartito. Aquí tivemos o vicepresidente, os conselleiros de Medio Ambiente e de Medio Rural, e notouse? Estes catro anos hai que dar pasos suficientes para que Ourense saia da súa situación.

Pero, a modo de especulación, vería vostede de conse lleira a Carmen Pardo, cabeza de lista, por exemplo?

E por que non? Unha muller da súa preparación pode ser perfectamente conselleira. Unha persoa que non contaba ser cabeza de lista, despois de que caese o número un, e que asuma esa responsabilidade, non é fácil. E saiu moi airosa, pese a ter debates e rifirrafes con pesos pesados da política, quedou a unha altura extraordinaria. Pero Alberto e eu quedamos en que aínda non falariamos destes temas porque o primeiro que ten que perfilar el é como vai ser o goberno, o organigrama. Claro que xa temos o presidente, que é de Ourense.

Que responsabilidade terá o seu fillo, José Manuel Baltar, na nova Xunta, se vai ter algunha?

Non sei, e eu son o menos indicado para falar deso. Nunca falei porque xa ten a desgracia, entre comillas, de ser meu fillo, para que non vaia eu complicar máis a súa situación. Será o que decida Alberto, pero eu non lle vou tocar ese tema. Se el quere contar con el, que conte; e se non o cre convinte, é simple parlamentario e acabouse. Nós estamos aí para servir.

Que papel lle adxudica a Enrique Nóvoa?

Deberá ter un papel importante nestes dous anos. Ten unha situación difícil porque non imos ser capaces do que fixeron eles, levar propostas sobre Ourense e que as boten abaixo os parlamentarios ourensáns. Imos ver que tipo de proxectos son e convencer ó noso grupo de que non se pode dicir que non. Home, se Alberto quere contar con él para unha consellería, non vou ser eu o que poña trabas pero hai que ver a responsabilidade de cada un no seu cargo. Terase que analizar se convén ou non, coa premisa de que os que vaian ser conselleiros non serán parlamentarios.

E parécelle ben esa medida?

Extraordinaria porque pode coller ós mellores do Parlamento e poñelos a traballar máis intensamente. Pode tamén buscalos fóra, aínda que eu lle digo que sexan do partido; él di que tamén independentes, e eu respeto eso. Con que o goberno funcione e dé resultado, váleme.

Ve de igual modo que vaia eliminar a figura dos delegados provinciais?

Eu creo que eso aínda non está pergeñado. Se da resultado, afórranse moitos cartos, pero ten a súa complicación.

E que vai pasar con todos eses militantes que agardaron polo triunfo electoral para ocupar un cargo? Se hai sitio poden ter unha oportunidade, pero se non hai, alá cada un. O que non se pode e crear postos na Administración para favorecer a unha persoa. A necesidade que teñan algunhas persoas individuais dun posto, non vai condicionar nada a decisión do presidente.

Nos nomeamentos que se vaian facer, como ha ser o grao de renovación?

Non teñen por que ser as mesmas caras de hai oito anos pero pode haber xente que repita. Faremos como na lista, haberá xente á que recoñeceremos o seu traballo e outra que entre nova.

Que vai facer o seu partido coas iniciativas do bipartito que penden de Santiago?

Nós imos adoptar unha posición de colaboración absoluta se por parte do goberno municipal tamén existe. Cando falamos de Ourense facémolo de algo serio pero tamén teñen que pensar que moitos deses proxectos haberá que reorientalos, será o que queira o Concello e o que queira tamén a Xunta; de tódolos xeitos, os grandes proxectos deles veñen sendo os do PP cun lavado de cara, vexa o Auria Verde, por exemplo.

Con esta situación de agora, que augura para as vindeiras municipais?

Creo que perdemos as eleccións municipais de 2007 porque non tiñamos a Xunta de Galicia. Cando o candidato do PP, Enrique Nóvoa, porque será el, teña o respaldo da Xunta e ésta faga o que ten que facer, imos conquerir a maioría absoluta no Concello de Ourense. Xa ve como lle deron na cidade un dos do bipartito (polo BNG) e eso que eran autonómicas. Ese modelo de xestión que eles aplican non terá éxito e, ademais, a xente non perdoa que un concello esté a gobernado por un alcalde con oito concelleiros. Eso é licito pero deben ter en conta que ten o seu desgaste democrático.

Te puede interesar