Un barítono de cine en Hollywood

En “Encuentros en la tercera fase” (1977), ós 86 anos, Eumenio despídese con Steven Spielberg e Francoise Truffaut.
photo_camera En “Encuentros en la tercera fase” (1977), ós 86 anos, Eumenio despídese con Steven Spielberg e Francoise Truffaut.
Respondía ó nome singular de Eumenio, co que seus pais o asentaron no rexistro civil de Manzaneda un día de xaneiro de 1891 sen saberen que sería rexistrado no reparto dunha morea de películas e, ós 93 anos, nunha campa de Los Ángeles

Se mentamos o topónimo Manzaneda, a primeira imaxe que nos asoma é a estación de esquí nevada. Sen embargo, o que nos debería aparecer debía ser a efixie respingona dun actor anónimo que forma parte da historia universal do cine dende o mesmo intre no que as imaxes incorporaron a voz ás salas. Daquela -eran os felices anos 20-, o barítono Eumenio Blanco puxo un pé en Nova York e outro finalmente en Hollywood, e xa non abandonou América, deixando por tras un ronsel de aparicións en 180 películas.

Todas as claves sobre os Premios Oscar 2023

É máis ca posible que esta madrugada ninguén se acordara del -nin de moitos coma el- ó cruzaren a alfombra vermella do Dolby Theatre de Los Ángeles. Sen embargo, é evidente que sen a súa presenza na andamiaxe humana da industria do cine non habería industria e as grandes e pequenas producións cinematográficas non pasarían de seren unhas sinxelas obras de teatro con media ducia de personaxes á procura dun autor que lles dese vida e duns técnicos que os trasladasen á gran pantalla.

Esa é a importancia que teñen os denominados actores de reparto no entramado universal da tamén chamada “industria dos soños”, á que este ourensán accedeu pola vía da música cando o cine era unha experimental sucesión de imaxes en movemento con cortinas ocasionais de contexto e música en directo para animar ó espectador e facer máis amena a visualización da película.

Segundo escribe o xornalista Xosé Enrique Acuña -que foi quen, alá polo 2004, o deu a coñecer no xornal A Nosa Terra-, a chegada de Eumenio ós Estados Unidos -concretamente a Nova York- ten lugar como consecuencia da súa formación musical como barítono en Vigo, a onde se desprazou dende Manzaneda con seus pais, cando aínda era un neno.

A hemeroteca actual e outros historiadores como Miguel Anxo Fernández, permítenos saber que en 1919 xa levaba tempo en Manhattan como para ser quen de publicar na revista do centro galego do Uruguay un artigo titulado “Un rincón de Galicia en Nueva York”, no que describe como era a vida cotiá dos españois no “Greenwich Village”, reivindicar a construción do “Hospital Español” e recomendarlle “a todo español que se halle nostálgico, que no deje de visitar esta parte de la ciudad” e convivir “entre personas a las que yo llamo ¡de las mías!”.

Preto de quince anos debeu vivir Eumenio na Gran Mazá, ben introducido nos ambiéntes operísticos, non en van en 1923 xa aparece no simbólico “Aeolian Hall”, nun concerto que é retransmitido “por la recién creada estación de radio WJZ”, co prestixioso pianista español Vicente Mañas e outras voces hispanas que, coma el, van asentando os seus cachés na música clásica neoyorquina; e, xa en 1925, formando parte, como barítono, da nómina vocal da “Favorita Grand Opera Company”.

Pero, as inquedanzas artísticas de Eumenio non se contentan só co seu paso pola elite musical e, atento a todo canto acontece neses tempos, suma a súa poderosa voz á incorporación do son ó cine.

A noticia chega a Madrid de tal xeito que o “Heraldo” madrileño, o 28 de xaneiro de 1930, publica a seguinte nota: “En el estudio de la Paramount, en Long Island, a un tiro de fusil de Nueva York, acaba de realizarse la impresión de una película corta totalmente hablada en español, que puede ser el inicio de mayores realizaciones en la nueva modalidad cinematográfica”.

Velaí o xermolo do cine sonoro. “La película se titula “Palabras y obras” -di o xornal- y ha sido interpretada por un reparto de cuatro artistas españoles”, un dos cales, evidentemente, era Eumenio.

Políglota, profesor e un eterno actor de reparto que acabou ás ordes de Spielberg

Superada a proba experimental do cine sonoro en Nova York, un breve paso por México para rodar a primeira película, “Soñadores de gloria”, en 1932, serviulle de ponte para chegar á emerxente meca do cine universal na cosmopolita cidade de Los Ángeles.

Acompañado da fama de barítono na “Costa Este”, Eumenio arrastra con el, tamén, o marchamo engadido de políglota, tal como recolle unha revista hollywoodiana que informa da súa chegada “from the Paramount studios”, subliñando no seu currículo que “habla y canta, lee y traduce inglés, francés, español, portugués e italiano con igual facilidad”, o que non só lle serviu para dar clases de idiomas a actores monolingües, senón que tamén lle facilitou o acceso ós ambientes máis exclusivos das emerxentes estrelas americanas, así como a gozar dunha situación acomodada fronte á precariedade na que vivían outros colegas hispanos cando chegaron as “vacas fracas” e ós que o ourensán acostumaba a darlle “parada e fonda”.

Famosa foi a anécdota contada por varias revistas de cine cando “cierto graciosísimo actor, glotón máximo, se presentó una tarde en casa del barítono gallego Eumenio Blanco, ¡con un gato! Eumenio le guardó el secreto ¡y aquella noche se dio el gran banquete, sobre la base de un supuesto arroz... con pollo! (el pollo maulló antes de exhalar el último suspiro)”.

Tres anos despois, en 1935 e xa con 44 anos, decide instalarse nun permanente papel secundario que o leva a traballar na compaña de actores como Anthony Quinn, Dorothy Lamour, Gary Cooper, Ingrid Bergman, Kirk Douglas, Robert Mitchum, Jane Greer, Ronda Fleming, David Niven ou Cantinflas, en preto de dúascentas películas e series de televisión tan famosas como “El Virginiano”, “Bonanza”, “El fantasma de la ópera”, “Por quién doblan las campanas”, “La maldición de la momia”, “Levando anclas”,  “Tarzan y la mujer leopardo”, “La dama de Shanghai”, “Madame Bovary”, “El hundimiento del Titanic”, “La túnica sagrada”, “La vuelta al mundo en 80 días” e un interminable etcétera que se viu coroado coa invitación que lle fixo Steven Spielberg ós xa senís 86 anos, para abrir a super famosa “Encuentros en la tercera fase” e -cun inconfundible acento galego- pronunciar aquilo de: “El sol salió anoche y me cantó!”. E -á vista do resultado vital que lle deu- vaia se lle cantou!

Te puede interesar