CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Lorenzo Varela Cid e demais familia

Lorenzo pai, o pianista Lourenço e Artur Varela Cid co hidroavión sen motor exposto no “Museo do ar” de Portugal.
photo_camera Lorenzo pai, o pianista Lourenço e Artur Varela Cid co hidroavión sen motor exposto no “Museo do ar” de Portugal.
Disque era natural de Allariz e a súa dona, Elena Suárez, de Ourense. Converteuse en “acaudalado” comerciante, foi dinamizador da “Juventude da Galiza” en Lisboa e entre ambos crearon unha saga surtida, digna dunha serie de televisión

O inesperado estrondo que acaba de rebentar a “pax lusitana”, pola que, en sosego, transitaban os nosos veciños do sur, fíxome reparar nesa caste de ourensáns que no século XIX elixiron Lisboa denantes de procurar fortuna no alén mar. A casualidade quixo que me cruzara con Lorenzo Varela Cid e, da súa man, cunha familia na que hai pianistas, violinistas, pioneiros da enxeñería aeronáutica, bailarinas e incluso un “ganster” e unha azafata, desaparecidos ambos e dos que nunca foron atopados os seus restos mortais.

A crónica desta saga familiar comeza con algunhas eivas, ó non lograr documentar como e onde foi que Lorenzo Varela Cid e a súa dona Elena Suárez Varela se coñeceron, nin os pormenores da súa chegada a Lisboa, como tampouco -agás algunhas xeneralidades que aluden ós seus negocios e á súa condición de “acaudalado comerciante”- cal foi a actividade principal a través da que Lorenzo se posicionou no cumio da comunidade galega da capital e mesmo no cerne da sociedade cultural lisboeta.

O que si puiden certificar foi que a súa torgueira arranca de Allariz -onde, como é ben sabido, o apelido Cid é tan común que ata o portén a súa alcaldesa-, mentres que a orixe de Elena Suárez está ligada á cidade de Ourense, onde exercía de “presbítero capellán de la catedral y del cementerio católico” Luis Suárez, o seu irmán.

Sexa como fose que os dous (nacidos ambos nos primeiros anos 70 do século XIX) asentasen o seu casal na cosmopolita capital portuguesa, o caso é que Lorenzo comeza a despuntar no ámbito social no entorno da colectividade galega ó abeiro da fundación da “Juventude da Galiza”, que nace en 1908 e que aínda hoxe mantén as portas abertas sendo o centro galego de referencia en Portugal.

Lorenzo non está entre os 39 asinantes da acta fundacional, pero si é destacado o seu papel na modernización da entidade, ata o punto de que no 50 aniversario do centro, en 1958, con Lorenzo falecido en 1921 e Elena en 1956, os galegos de Lisboa organízanlles unha sonada homenaxe póstuma, subliñando de paso o carácter filantrópico de Elena como fundadora da Beneficiencia Española.

Pero, aínda así, a gran obra do matrimonio Varela-Cid-Suárez non tivo orixe fóra, senón dentro do fogar, e foi en forma de dous fillos varóns, nacidos xa lisboetas e  que por dereito propio forman parte da historia de Portugal.

O primeiro -Lourenço, 1898- mantivo o nome do pai, aínda que con grafía lusa, e chegou a ser un destacado pianista que deu sinais da súa pericia interpretativa e musical dende moi novo, non en van ós 9 anos xa tiña composto un vals titulado “Lucinda”, que estreou o día de Reis de 1910 no salón do centro galego presidido polo pai.

Completada a formación en París, entre 1920 e 1933, casa coa violinista brasileira Dora Soares,  mantén unha intensa relación epistolar co mesmo Falla, participa en concertos por todo o país e por Europa, accede ó profesorado do Conservatorio de Lisboa e funda o Sindicato Nacional de Músicos de Portugal.

 O segundo respondía ó nome de Artur (1910) e dedicouse en corpo e alma á enxeñería aeronáutica, que iniciou -cando aínda era un estudante de 19 anos- co deseño e construción nun barracón que lle deixou a súa nai, do único hidroavión sen motor que foi construído en Portugal e ó que lle puxo por nome o do propio país, promovendo, de tal xeito, que a Federación Aeronáutica Internacional, con sede en París, rexistrase unha nova categoría de aeronaves: os hidroplaneadores.

O “Portugal” de Artur completou o primeiro voo en 1932 sobre o río Tejo, cando aínda o seu mentor e construtor non fixera os cursos de ampliación de estudos, cousa que levou a cabo en Alemania entre 1934 e 37, onde acadou o grao de doutor en ciencias aeronáuticas.

Centrado finalmente na docencia, o hidroavión -logo de ter sido obxecto de varios litixios- atópase exposto no “Museu do ar”, nas aforas de Lisboa, concretamente na freguesía de Alverca.

Un neto pianista e ganster desaparecido no Brasil, dúas pioneiras da danza e unha poeta

Sergio foi un virtuoso do piano e Vera e Manuela destacaron na danza clásica.
Sergio foi un virtuoso do piano e Vera e Manuela destacaron na danza clásica.

Se coas biografías de Lourenço e Artur, a semente plantada polos proxenitores ourensáns -Lorenzo e Elena- en Lisboa, era xa merecente de colocar os apelidos do clan no frontispicio do palacete da sociedade galega, a terceira xeración non só non desmereceu a fama que os devanceiros lle lograron dar, senón que incluso a multiplicaron dun xeito exponencial.

Lourenzo tivo un fillo -Sergio- e tres fillas -Vera, María da Graça e Gilda-, mentres que da póla de Artur, logrou saltar á popularidade, cando menos, María Manuela.

As curmás Vera e María Manuela elixiron en ambos casos o camiño da danza clásica como vieiro de realización persoal e as dúas acadaron cotas que as sitúan nos anais da danza contemporánea de Portugal. A primeira como fundadora da Compañía Nacional de Bailado e a segunda como elegante intérprete en actos tan destacados coma a inauguración en 1966, da ponte denominada daquela Ponte de Salazar.

Pola súa banda, María da Graça atoparía na poesía a súa meta vital, chegando a publicar un poemario titulado Manolete, dedicado ó afamado toureiro e prologado por José María Pemán.

A historia de Gilda só tivo un día -e para iso tráxico- baixo os focos da información nacional. Aconteceu en 1976, no aeroporto de Funchal, no primeiro gran accidente de aviación da TAP.

Gilda, que era azafata, non só faleceu no sinistro, senón que o seu corpo nunca foi atopado.

Pero, de todas elas, a que leva a palma -tanto para ben coma para mal- é a biografía de Sergio.

Nacido en 1937 con tódalas condicións para ser unha estrela universal, ós 8 anos xa ofrecera o primeiro concerto de piano no Liceo Camões, ós 12 xa tiña contrato para actuar no Cambridge Theare de Londres, xa a Paramount lle dedicara un documental e mesmo Arthur Rubinstein o sinalara coma o seu sucesor natural.

Sen embargo, en 1972 decidiu afastarse do piano co que tiña percorrido literalmente o mundo e abandonado ó alcohol, ás drogas e a delincuencia, marchou para Brasil. En São Paulo conviviu co crime na súa versión máis brutal, coma un auténtico ganster, da man dun cirurxián plástico.

O 26 de xuño de 1981 é visto por derradeira vez e, igual que lle aconteceu á irmá, o seu corpo aínda hoxe non se sabe onde está.

Te puede interesar