CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

O río Miño navegable en 1785? E por que non!

photo_camera O que perseguían Sánchez Vaamonde e Sebastián Malvar era unha navegación comercial, non de recreo. (Vida Gallega)
Na semana da presentación dos orzamentos do Estado e coas institucións mergulladas nunha permanente chuvia de ideas para deseñar proxectos de futuro para Ourense, atopei eu un que paga a pena exhumar do século XVIII: facer o Miño navegable

Como teño repetido en varias ocasións, a historia de Ourense está ateigada de persoeiros que non forman parte da historiografía oficial, pero que serían merecentes de ter, cando menos, un medallón ou algo semellante nalgún espazo público para que os ourensáns foramos conscientes, non só da súa dimensión humana, senón tamén da dimensión colectiva que tempos atesourado e que fai da suma de individualidades a nosa máis grande fortaleza.

Tanto o contexto da presentación dos orzamentos anuais do Estado, como a actualidade dos denominados proxectos "Next generation", que a dicir do goberno nos vai mudar a todos, traio hoxe a colación a tres adiantados ó seu tempo que, sen seren naturais de Ourense, loitaron porque a nosa provincia tivese un futuro máis acaído. E quen sabe se, de ter logrado sacar adiante os seus proxectos, hoxe viviriamos dentro dun marco socioeconómico diferente, por non dicir mellor.

Estoume referindo, por orde de aparición, ó pontevedrés Sebastián Malvar y Pinto e ós coruñeses Pedro Antonio Sánchez Vaamonde e José Verea y Aguiar, nos que confluiu, entre outros proxectos para a nosa provincia, o de "hacer navegable el río Miño desde su embocadura en el mar hasta la ciudad de Orense, o a lo menos hasta la villa de Ribadavia".

Quen isto escribe é o canónigo compostelán e promotor da Ilustración, Pedro Antonio Sánchez, nun longo e argumentado escrito dirixido ó rei Carlos III no ano 1783 e titulado "Representación al inmortal Rey D. Carlos III sobre la navegación del Miño".

O obxectivo de fondo do proxecto de acondicionar o curso do río para a navegación comercial, non era outro có de darlle unha saída "barata" sobre todo ó viño do Ribeiro (que despois de ter gozado historicamente de inmenso prestixio, vivía décadas de decadencia por mor da perda do mercado inglés en favor dos viños de Portugal), ademais de abrir o interior de Galicia ó comercio de outros xéneros porque "las embarcaciones que vayan a buscar vino, cargarán a su salida de géneros de vestir, de cacao, de arroz, de azúcar, de canela, de jabón, de aceite y otras diferentes especies", entendendo que "como el porte será muy ligero el precio de ellos deberá ser más equitativo", tamén para o transporte desde "los puertos de Galicia a las Castillas, de escabeches y pescados salados".

Deste xeito, continúa o adiantado Sánchez Vaamonde, "la ciudad de Orense vendrá a ser el centro del comercio de Castilla, León y Galicia, saliendo de la situación infeliz en la que se encuentra, pues no obstante estar en un país muy feraz y bañada de un río tan caudaloso, apenas se ven en ella más que edificios a medio arruinarse".

Case vinte anos antes nacera no concello de Pontevedra Sebastián Malvar y Pinto, que iniciou a súa formación nos Franciscanos de Ribadavia e alí soubo da importancia do viño para a economía do Ribeiro, cousa que non esqueceu cando foi nomeado Bispo de Buenos Aires e posteriormente arcebispo de Santiago.

E tan foi así que cando regresou a Compostela "empleó -escribe Samuel Eiján- el dinero traído de América en construir la primera carretera de Galicia entre Santiago y Puente Sampayo e hizo lo increible por convertir en puerto de mar Santiago y que hubiera beneficiado inmensamente a Ribadavia, de habérsele dejado llevar adelante el proyecto de canalización del Miño más allá de Orense".

Ora ben, en honor á verdade, se falamos de pioneiros sobre a navegación do Miño, neste caso a lenda conéctanos -di Sánchez- cuns cataláns que "no ha muchos años, habiendo construido dos barcos en el Ribero, los han fletado allí y navegando con ellos por el Miño llegaron hasta el mar...".

Un banco provincial e 6 colonias agrarias de 50 familias cada unha para dinamizalo

Por máis que Pedro Antonio Sánchez compuxera un documentado relato de 14 folios co obxectivo de espertar o interese ilustrado de Carlos III, o caso foi que, como é doado de comprobar, o proxecto de Sánchez Vaamonde e Malvar y Pinto caeu no esquecemento, aínda que non de todo, xa que logo, medio século despois, no ano 1837, o terceiro adiantado, José Verea y Aguiar, que ostentaba naquel momento o cargo de "comisario de guerra honorario y oficial primero del Gobierno político" de Ourense, presenta, con igual obxectivo de dinamizar a economía provincial no marco dunha España "en la que la mitad de su territorio está inculto, como si perteneciésemos aún a la clase de los pueblos pastores", un ambicioso proxecto de creación dun "Banco Provincial".

O curioso do proxecto non é tanto o xeito de creación proposto, con "tres millones ciento cincuenta mil reales que aportarían 70 mil vecinos de la provincia a razón de 45 reales de contribución cada uno", senón os seus obxectivos. A saber, "ver construida la carretera de Orense hasta Vigo, el mejor puerto del mundo, facilitar la navegación del caudaloso Miño hasta su unión con el Sil, esperada hace tiempo, establecer un asilo aconómico para los mendigos y desamparados, una Biblioteca pública en la capital y plantear seis escuelas de agricultura e industria rural propiamente de prácticas", algo que "es cuanto pueden desear los pueblos de la provincia, por ser las bases indispensables para elevar su prosperidad al más alto grado".

José Verea redacta tamén un argumentario destinado a defender tódolos proxectos e, para viabilizar económicamente o banco de forma que os 3 millóns xeren outros 3 millóns anuais, propón o que el chama a "piedra filosofal", que non é senón un sistema de 6 colonias agrarias "de tres cuartos de legua cuadrada que serán cultivadas por 50 familias cada una, a las que se distribuirán 75 fanegas de tierra" e que traballarán durante dez anos.

Obviando a creación futura da Caixa de Aforros de Ourense, é evidente que tampouco José Verea tivo moito éxito nas súas propostas, case me atrevo a afirmar que, para desgracia futura de Ourense.

Te puede interesar
Más en Sociedad