Os folións levan a maxia do Entroido ás aldeas de Manzaneda

A tradición festiva máis peculiar en Manzaneda chega coa celebración do Entroido que, máis alá dos días grandes marcados no calendario, se vive en cada unha das súas aldeas dun xeito único, respectando o seu ritual a través do tempo

Tan só coa luz das farolas alumeando as estreitas rúas da aldea, vese como se achegan as mázcaras abrindo o camiño e tras elas os bombos, aixadas e cornas. Este sábado pola noite a aldea de Raigada deu a sú ronda de fulión, “que non é o mesmo ronda que foliada”, como nos explica Sonia Casas, unha veciña do pobo, “cando se da a ronda polo pobo é saír ao folión sen máis e cando ademáis hai versos de disputas, normalmente entre veciños dos pobos, é a chamada foliada”.

As tradicións mantéñense e no Castiñeiro, onde teñen o punto de encontro, unha das mázcaras do folión visitante daba un paso ao fronte para solicitar o permiso para poder tocar. Versos creados por eles mesmos son os empregados para pedir o permiso “A ronda desta noite e larga e queimase moita bebida, pero ver a esta xente toda, eso a nós si que nos da a vida… Agora xa estamos poucos e estamos todos medio esparexidos, pero cando chega o folión, cornas aixadas e bombos volvemos estar unidos, rondaremos o pobo enteiro”, recitou a mázcara, agardando a resposta dun veciño de Raigada.

“O permiso xa o tedes, sachos, bombos e aixadas xa podedes empezar a tocar, non vos demoredes moito, porque a ronda é moi longa, para que as mázcaras poidan bailar, e todos xuntos poidamos desfrutar”, así co permiso dado, as cornas comezaron a soar xunto a bombos e aixadas, mentres as vistosas mázcaras iniciaron a súa elegante e singular danza, xirando sobre si mesmas ao son do folión.

Arredor dun centenar de persoas percorreron as rúas da aldea de Raigada parando en cada unha das adegas ou casas que abriron para darlle de comer e beber durante o percorrido aos membros do folión e ás mázcaras, que non cesaron de bailar. Arredor dunha ducia de casas agasallaban aos presentes con bebida e comida á chegada dos bombos á súa porta.

Te puede interesar