Dúo Amazonas crea nun lavadoiro de Manzaneda un mural que representa o Entroido

O lavadoiro de abaixo, en Manzaneda, co seu mural do Entroido. (FOTO: R.M.)
photo_camera O lavadoiro de abaixo, en Manzaneda, co seu mural do Entroido. (FOTO: R.M.)

As artistas de Dúo Amazonas plasmaron a súa arte nun lavadoiro da vila de Manzaneda

 A vila de Manzaneda conta cun novo mural recén estreado. No “lavadoiro de abaixo”, de camiño ao centro de saúde da vila, o colectivo internacional Dúo Amazonas, composto pola arxentina Natalia Andreoli e a colombiana Lina Castellanos, deixou a súa pegada. Unha actividade promovida pola Sociedade Cooperativa Outonía e o seu Laboratorio Mutante, na que tamén colaborou o Concello de Manzaneda poñendo a disposicíón das organizadoras todo o que precisaron.

Tras propoñerlle aos veciños ideas para representar, tiveron a idea e decidiron proxectar algo tan representativo para a vila como é o seu Entroido, os seus traxes e as súas mázcaras.

Desde a Sociedade Cooperativa Outonía expresaban que as artistas plasmaron nese lavadoiro “os detalles do traxe dunha muller vestida e preparada para o baile, e a imaxe dunha nena que continua a tradición”, manifestando que con esta obra dan visión ao “futuro dunha tradición que muda e que nos tempos actuais tamén representan as mulleres”. 

Esta obra, que quedou rematada a finais da semana pasada, fíxose nun tempo récord dun día e medio, deixando unha renovada imaxe do lavadoiro que representa o futuro dunha tradición viva.

Mural en Vilariño de Conso

O Dúo Amazonas non só deixou a súa pegada na vila de Manzaneda, senón que tamén deixou a súa arte en Vilariño de Conso, dentro deste mesmo programa de Laboratorio Mutante.

Mural en Vilariño de Conso
Mural en Vilariño de Conso

Alí a obra remataba unha semana antes, a principios deste mes de xullo. Desta volta levouse a cabo o diseño dun mural participativo de grandes dimensións, no que un grupo de mulleres colaboraba para facelo. O lugar escollido para este foi un muro da praia fluvial de Vilariño, en plena zona recreativa e de baño, “un muro grande, cunha hedra ocupando un bo espazo e un reto para as muralistas que nos acompañaron” engadían desde a organización. Nesta ocasión recrearon unha foto real dunhas mulleres bañándose no río nos anos 50, e con elas pretenderon representar “unha imaxe de liberdade para bañarse, para rir e para estar xuntas”.

Para crear o grupo de artistas, primeiramente tiveron varias xornadas antes de contar co voluntariado feminino, “este grupo non podería ter sido sen o apoio da Asociación local Vive Vilariño, que dende o primeiro momento apoiou e se implicou na iniciativa” manifestaban as integrantes de Outonía, quen engadían que o Concello de Vilariño de Conso colaborou no evento.

A actividade foi impartida pola Sociedade Cooperativa Outonía, que ten a súa sede no Macizo Central, e contou ademáis de coa colaboración dos concellos, coa financiación da Xunta e da Axencia Galega de Industrias Culturais.

Te puede interesar