A sala X inicia unha nova tempada coa exposición colectiva "ir onde se supón que non tes que ir"
Como afrontar, desde a creación artística, a noción de imposibilidade? Esta é a pregunta á que os artistas Ana H. del Amo, Rosendo Cid, Manuel Eirís e Misha Bien Golas tratan de dar resposta en "Ir onde se supón que non tes que ir", a exposición colectiva inaugurada recentemente na Sala X. Conformada por unha serie de pezas creadas especificamente para un proxecto que propón afondar nos límites da arte e na noción de imposibilidade, esta exposición colectiva foi comisariada por Rocío Osorio e Francisco e Espe Porto, do colectivo Latamuda, e poderá visitarse neste espazo da Facultade de Belas Artes ata o 6 de novembro.
Na inauguración da mostra coa que a Sala X dá inicio a unha nova tempada expositiva os artistas participantes e os comisarios da mostra estiveron acompañados polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, a decana de Belas Artes, Silvia García, e o coordinador da sala, Ignacio Barcia, que fixeron énfase no feito de que entre estes catro artistas novos, que teñen protagonizado xa exposicións individuais en espazos como o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a Fundación Eugenio Granell ou a Fundación Luís Soeane, figuren dous egresados do centro, Eirís e Cid. “É un bo xeito de iniciar tempada”, salientou neste senso Ignacio Barcia, que puxo de relevo o traballo realizado “especificamente para esta exposición por tres artistas galegos e unha estremeña”, como é Del Amo.
Nesa mesma liña, a decana incidiu na importancia de dar a coñecer o traballo dos egresados e egresadas, como proxectan facer tamén no acto de conmemoración do 25 aniversario do centro, que terá lugar o 30 de outubro, e que se completará cunha “xornada de portas abertas, na que se farán visitas guiadas á facultade e cun mercado de arte”. Juan Manuel Corbacho, pola súa banda, puxo de relevo, o valor da Sala X “como plataforma de visualización de traballos e creación de sinerxías”, como a xerada neste caso co colectivo Latamuda, e, nese senso, destacou o papel que este espazo debe xogar “nese proxecto que estamos a alimentar todos xuntos como é o Campus CREA”.
O título da exposición, Ir onde se supón que non tes que ir, “fai referencia ao reto de enfrontarse ao que nunca cres que vai ocorrer, ao feito de traspasar fronteiras a partires da experiencia propia para chegar ao imposible”, salientaron os comisarios dunha mostra que recolle “como desde diferentes perspectivas, catro artistas se enfrontaron ao concepto do imposible”