UNIVERSITAS

Bota a andar a Comisión de Calidade da Universidade de Vigo

pag3-2-_result
photo_camera Sesión constituínte na sala de xuntas da Reitoría.

Mato fai fincapé na necesidade de  aliviar unha burocracia que  “asfixia o traballo do día a día

Contribuír decisivamente á implantación da cultura da calidade e do sistema que a apoia en todos os ámbitos. Este é a principal misión coa que hai unha semana botou a andar a Comisión de Calidade da Universidade de Vigo, un novo órgano que, “dende xa”, será o encargado de tratar aquelas cuestións que teñan que ver coa planificación, desenvolvemento e avaliación da calidade na docencia e na xestión. “Con esta comisión buscamos dar un salto cualitativo no que é a implantación da cultura da calidade e nos sistemas que a apoian en todos os ámbitos da nosa Universidade”, explicou o reitor, Salustiano Mato, que fixo fincapé en que se trata “simplemente” de facer un traballo mellor en todos os eidos: a docencia, a investigación, a transferencia, a xestión…


A nova comisión, que o pasado xoves se reuniu por primeira vez, será a encargada de facer o seguimento do Sistema de Xestión da Calidade da Universidade e de todo o que teña que ver coa política de calidade e para acadalo a comisión divídese en dúas subseccións: unha Comisión Académica de Calidade, presidida pola vicerreitora de Organización Académica, que asumirá o traballo sobre as cuestións relacionadas coa calidade nos centros, departamentos e nas titulacións de grao, mestrado e doutoramento, e unha Comisión Técnica de Calidade, presidida polo xerente, que se fará cargo das cuestións relacionadas coa calidade nos servizos. “Por suposto isto é algo que está arrancado e que podería modificarse, tanto por proposta dalgunha das subcomisións como da propia comisión”, subliñou a vicerreitora de Organización Académica e Profesorado, que fixo fincapé en que se trata dunha iniciativa “moi nova” á que se lle farán os cambios necesarios “se así se estima oportuno”.
 

Te puede interesar
Más en Universitas