UNIVERSITAS

Historia e futuro da animación galega, recollidos en catro teses

pag5A_result
photo_camera 'Psiconautas' de Alberto Vázquez e Pedro Rivero foi unha das películas analizadas por María Crego na súa tese.

Sara Cueto estudou os cambios que supoñen as técnicas 3D e Fortunato Rodríguez a animación abstracta

Partindo de cero, a animación en Galicia logrou a pasada década converterse no “referente do sector na península", para logo vivir o peche das súas principais produtoras, segundo relata a investigadora María Crego na súa tese de doutoramento, na que afonda na orixe, evolución e perspectivas de futuro da animación audiovisual, un xénero que centrou catro das teses presentadas nas últimas semanas na Facultade de Belas Artes.

Estudos como o realizado por Sara Cueto permitiron afondar nos cambios que está a supor o desenvolvemento da animación dixital en 3D, mentres que investigadores como Cristian Gradín, que este venres defendeu a súa tese, analizaron como a animación se ten instaurado nas últimas décadas como práctica artística, ao tempo que o profesor Fortunato Rodríguez trazaba na súa tese un percorrido histórico pola animación abstracta.

“A investigación sobre animación é un campo importante por aspectos como o cultural, dado que se transmite a través de medios como o cine, a televisión ou internet, ou como o tecnolóxico, que implicou drásticos cambios”, sostén nese senso o profesor José Chavete, director de tres destas teses e coordinador do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual. Os cambios nos métodos de produción, comercialización ou mesmo os “cambios estéticos” vinculados coa idea da imaxe en movemento, obrigan, engade, “a estar vixiantes en múltiples facetas, e esa vixilancia é pura investigación”.

Te puede interesar
Más en Universitas