UNIVERSITAS

Máis de 600 embaixadores da Universidade espallados polo mundo

PAG3b_result
photo_camera Melania Sánchez, Fernando Rodríguez e María Fernández.

Coa novidade de Malaisia, os destinos preferidos polo alumnado son Italia, Polonia, Alemaña e Brasil

Melania Sánchez, Fernando Rodríguez e María Fernández, son tres dos 621 alumnas e alumnos da Universidade de Vigo que optaron por estudar parte ou a totalidade do curso académico 2015-2016 no estranxeiro. Melania, ourensá de 24 anos que finaliza este ano os seus estudos de Enxeñaría Informática, viaxou a Malaisia para cursar os seus derradeiros créditos na Universiti Teknologi Malaysia, UTM. Esta é a primeira vez que esta moza realiza un intercambio de estudos no estranxeiro, unha situación que tamén se repite no caso de Fernando Rodríguez (Lobios, 1995), estudante de terceiro curso de Ciencias Ambientais, que cursará os dous cuadrimestres en Romanía e de María Fernández (Tui, 1995), que tras un primeiro cuadrimestre en Arxentina, continuará os seus estudos de Administración e Dirección de Empresas en Italia.

Coa novidade de Malaisia, este curso os destinos que máis estudantes da Universidade de Vigo concentran son Italia, Polonia, Alemaña e Brasil. 339 mulleres e 282 homes, dos que 374 son do campus de Vigo, 129 de Pontevedra e 118 de Ourense, cursan parte da súas titulacións no estranxeiro ao abeiro dos programas Eramus+, ISEP, Santander Grao, bolsas propias e libre mobilidade. Por centros e titulacións, a Facultade de Filoloxía e Tradución e o seu Grao en Tradución e Interpretación no campus de Vigo; a de Ciencias Sociais e da Comunicación co Grao en Publicidade e Relacións Públicas, no campus de Pontevedra e a de Ciencias Empresarias e Turismo co seu Grao en Turismo, no campus de Ourense, son as que maior número de alumnos e alumnas envían, a través da Oficina de Relacións Internacionais da Universidade, ao estranxeiro este curso 2015-2016.

Te puede interesar
Más en Universitas