TESE

Unha ollada ao Rexurdimento en Vigo a través de 'La Oliva'

O investigador Xurxo Martínez analizou a publicación entre 1856 e 1857.

Coa publicación en 1863 dos Cantares Gallegos de Rosalía, considérase inaugurado o Rexurdimento, movemento senlleiro no espertar da lingua, da cultura e da sociedade galega. Os anos previos a esta data amosan o mudar das cousas para dar paso a un cambio substancial na contorna.

Daquela, publicábase en Vigo o xornal galeguista e progresista La Oliva, que agora o investigador da Facultade de Filoloxía e Tradución Xurxo Martínez trata de recuperar a través da súa tese de doutoramento. No seu estudo, dirixido polo profesor Gonzalo Navaza, amplía o foco de estudo aos anos previos á publicación de Cantares Gallegos.

Explica que esta análise do xornal lle permitiu identificar “a conformación dos círculos sociais, coas súas novas formas de expresión e sociabilidade, e relatamos a tradición existente dende o século XVIII dun pensamento provincialista (entendido como defensa e progreso de Galiza), subliñamos as condicións e os debates políticos que delimitaban a actividade pública, analizamos os elementos culturais que participaron na idea do que era o Rexurdimento, anotamos os trazos que axudaron a compor o imaxinario colectivo nacional etc”.

Segundo o investigador, o estudo realizouse co propósito “de achegarnos moito mellor ao coñecemento dos anos previos á publicación da obra rosaliana e tamén para nutrir o máximo posible o estudo do propio Rexurdimento nos seus anos centrais”.

Este traballo responde ao feito de que, segundo Martínez, o Rexurdimento é un movemento decisivo na historia galega que “aínda hoxe ofrece moitas preguntas sen respostas” e sostén que a metade do século XIX é unha etapa, en certa medida, descoñecida dende o punto de vista sociocultural, desta ca o filólogo. “Quixemos retratar aquela sociedade galega e viguesa a partir da investigación da historia social, política, comunicativa, cultural e ideolóxica.

Con isto pretendemos completar o retrato e indicar as ligazóns existentes que se produce entre a cultura, a sociedade e a política nun capítulo da historia de afianzamento da modernidade” fronte ao Antigo Réxime, lembra Xurxo Martínez. 

O investigador da Facultade de Filoloxía e Tradución apunta a tres razóns básicas para a escolla deste xornal para o seu estudo. Salienta por unha banda o “interese e a necesidade de coñecer máis a fondo a situación sociocultural galega da metade do século XIX, que coincide cos anos do Rexurdimento e previos á publicación de Cantares Gallegos (1863) de Rosalía de Castro”. Como segundo motivo apunta ao interese por ofrecer “unha investigación multidisciplinar deste período a partir do estudo completo dun periódico” e como terceiro, “situar a Vigo e a súa intelectualidade no relato do Rexurdimento”.
 

Te puede interesar
Más en Universitas