PRODUTOS PROPIOS

A Universidade e o Foro Trives 2015 achegan o valor ao rural

Na cita, que se celebrará os días 10 e 11 de decembro, participarán os docentes Xavier Simón e Javier Carballo.

O Foro Trives 2015 quere apuntalar o futuro da comarca a través da promoción, aproveitamento e comercialización dos produtos propios e tradicionais da contorna. Con esta premisa presentouse na Confederación Empresarial de Ourense CEO unha iniciativa que os días 10 e 11 de decembro levará a Pobra de Trives a investigadores, responsables de institucións e emprendedores para reflexionar sobre o futuro do rural e para coñecer diferentes experiencias de éxito levadas a cabo desde o eido empresarial.

A presentación contou coa participación de Ascensión Fernández, presidenta da cooperativa TuTrives; dos alcaldes de Manzaneda, David González, e de Trives, Francisco José Fernández; de Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e de Miguel Vázquez, representante da CEO. A presidenta de TuTrives adiantou que este foro trata de ser un punto de encontro e un altofalante para a comarca, pero sobre todo pretende “fomentar o cooperativismo entre os máis novos” para garantir a sustentabilidade das iniciativas e xerar postos de traballo para a xuventude da comarca, fomentando o asentamento poboacional.

“Os promotores queren que o proxecto serva para debater experiencias e presentar ferramentas que sirvan para dinamizar a nosa contorna”, recalcou o alcalde de Manzaneda. Pola súa banda, Francisco José Fernández subliñou a unidade de acción entre o seu concello e o de Manzaneda, transcendendo os localismos, e Miguel Vázquez recalcou a dispoñibilidade e a vocación da CEO para contribuír e impulsar proxectos de desenvolvemento na provincia e en particular en Trives. n

Te puede interesar
Más en Universitas