FORMACIÓN

A Universidade potencia a formación en xénero do persoal

g1 (1)_result
photo_camera Penín Mato e Bengoechea nuha actividade celebrada en decembro de 2013

Impartirán os cursos a deputada Carme Adán e a experta en investigación feminista Mercedes Bengoechea

Traballar en espazos de Igualdade, Estratexias para liderar en feminino e Claves para unha docencia sen nesgos de xénero son as tres propostas formativas que a Unidade de Igualdade propón para estes primeiros meses do ano. Cada un coas súas propias peculiaridades, os cursos van dirixidos a promover diferentes medidas que garantan a mellora continua da calidade na prestación de servizos e na xestión, facilitando as habilidades necesarias para que tanto docentes como persoal de administración e servizos poidan levar a cabo as súas funcións da maneira máis igualitaria. “No caso do profesorado é imprescindible darlle mecanismos para que á súa vez poidan transmitir os valores de igualdade ao seu alumnado”, subliña Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade, ao tempo que fai fincapé en que a formación en igualdade de todo o persoal universitario mellora a capacitación profesional “tanto de homes como de mulleres en todos os ámbitos”.


Dirixido exclusivamente a ofrecer estratexias para introducir a perspectiva de xénero na docencia, Claves para unha docencia sen nesgos de xénero, “será un curso moi dinámico e práctico”, subliñou Penín, que resaltou o feito de que vai ser impartido “por unha das mellores expertas na introdución da perspectiva de xénero na docencia” en referencia a Mercedes Bengoechea.
Nesta ocasión a cita será o 24 de abril no campus de Vigo en horario de mañá.

Te puede interesar
Más en Universitas