UNIVERSITAS

Uviguala recoñece a aposta pola conciliación do Campus Camp

g1-3-_result
photo_camera g1-3-_result

O persoal que impulsou este campamento foi premiado no acto institucional do Día Internacional da Muller, celebrado na Facultade de Ciencias Sociais e de Comunicación.

A súa propia necesidade de conciliar a vida laboral e familiar levaron a María Teresa Díaz e Raquel Iglesias a poñer en marcha en 2004 no campus de Ourense, un campamento de verán para os fillos e fillas dos membros da comunidade universitaria e, por eses mesmos motivos, David Basalo exportou a esa idea ao de Vigo o ano seguinte. Nacía así o Campus Camp, “un programa pioneiro de conciliación”, no que cada verán participan preto de 250 nenos e nenas e polo que estes tres integrantes do persoal de administración e servizos foron recoñecidos co III Premio de compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo Uviguala 2015. Díaz, Iglesias e Basalo recibiron esta distinción no acto institucional do Día Internacional da Muller, que tivo lugar o pasado venres na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde diferentes voces da comunidade universitaria incidiron na necesidade de “non dar un paso atrás” na loita pola igualdade entre homes e mulleres.

"Agora máis ca nunca necesitamos impulsar a igualdade de xénero", salientou o reitor, Salustiano Mato, tras alertar da "involución" que está a vivir a sociedade actual na loita pola igualdade e manifestar o orgullo da Universidade por iniciativas como a premiada na terceira edición duns premios que, explicou, buscan recoñecer aquelas actuacións que contribúen precisamente á promoción da igualdade no seo da institución académica, así como “dar ao desenvolvemento de calquera actividade con perspectiva de xénero un incentivo extra, demostrando que todos os ámbitos de actuación poden contribuír á igualdade efectiva”.

Por poñer en marcha un programa que "se consolidou no tempo e que foi aumentando o número de participantes", por facer visibles "ás necesidades de conciliación da comunidade universitaria e ofrecer unha solución eficaz", por organizar un programa variado de actividades que potencia a educación en valores dos nenos e nenas e pola "súa implicación persoal no bo desenvolvemento do programa". Por todos estes motivos, relatados neste acto pola directora da Unidade de Igualdade da Universidade, Anabel G. Penín, a Comisión de Igualdade decidiu outorgar a Díaz, Iglesias e Basalo a distinción que nesta xornada recibiron de mans do reitor, o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e a decana de CCSS e da Comunicación, Emma Torres.

Tras facer extensivo este recoñecemento "ás moitas persoas que colaboraron para que este proxecto se puidese levar a cabo", os tres representantes do PAS relataron como naceu un campamento que hoxe en día continúan coordinando, xa baixo a organización da Universidade, pero que, hai unha década, botou a andar "dun xeito completamente caseiro", como explicou Díaz. "O que nunca pensamos é que duraría tanto tempo e moito menos que a Universidade o acabaría facendo seu", engadiu Iglesias da iniciativa que en 2004 puxo en marcha xunto con Díaz en Ourense. “Elas foron as inventoras, eu o que fixen foi importalo”, engadiu de seguido David Basalo, que en 2005 achegou Campus Camp a Vigo e Pontevedra, aínda que neste último campus deixou de desenvolverse por falta de demanda.

Os problemas para conciliar a vida familiar, neste caso, co labor docente e investigador, foron tamén obxecto de análise no relatorio que a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María Álvarez Lires ofreceu trala entrega deste premio.

Te puede interesar
Más en Universitas