O actor Xosé Manuel Olveira recibirá o primeiro galardón ‘Xociviga de Honra’

Xosé Manuel Olveira. (Foto: Archivo)
O xurado da primeira edición do premio ‘Xociviga de Honra’, instaurado iste ano co gallo da celebración das Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia do Carballiño acordou, por unanimidade, conceder o galardón ó actor Xosé Manuel Olveira, ‘Pico’, en recoñecemento da súa traxectoria vital e profesional.
O xornalista Carlos Rodríguez Calvo, membro do Consello de Administración de Radio Televisión de Galicia, destacou, como voceiro do xurado, que ‘Xosé Manuel Olveira leva como actor no cine galego máis de tres décadas, dende que no ano 1977 xa participara no primeiro filme de Chano Piñeiro en formato súper 8 milímetros, ‘Os paxaros morren no aire’. O veterán artista, nado na localidade de Esteiro, do municipio coruñés de Muros, en 1955, é o actual presidente da Academia Audiovisual Galega e comezou nos escenarios en 1972 coa compañía Ditea, ata dar o salto unha ducia de anos despois ó Centro Dramático Galego (CDG), onde participou en máis de 20 espectáculos. O rostro de ‘Pico’ fíxose moi popular na Televisión de Galicia (TVG) ó traverso de diferentes programas, principalmente teleseries como ‘Mareas vivas’, ‘As leis de Celavella’, ‘A vida por diante’, ‘Pratos combinados’ e ‘Padre Casares’, aínda que tamén fixo aparicións episódicas en ‘El comisario’ y ‘Hospital Central’, de Tele 5.

Escultura

Xosé Manuel Olveira recibirá o ‘Xociviga de Honra’ no Auditorio do Carballiño o vindeiro xoves, día 27, a partir das 23.00 horas. O premio consiste nunha escultura feita en madeira e que representa unha cámara de proxección, obra do carpinteiro carballiñés Chicho Carballido. ‘Pico’ estará arroupado por Mari Luz Mateos, viúva do director Chano Piñeiro, e os seus compañeiros Uxía Blanco, Xoque Carvajal e Ángel de la Cruz, tal e como confirmou a concelleira de Cultura, Inmaculada Ucha.

Te puede interesar