festa da istoria

Os cativos protagonizan os días previos á Festa da Istoria

Xogos populares, plástica e animación centran as actividades infantís durante toda a semana

Ribadavia comezou este pasado luns a conta atrás para a celebración, o vindeiro sábado, da xornada central dunha nova edición da Festa da Istoria. Un evento no que ano tras ano veñen cobrando certo protagonismo os máis cativos, coa posta en marcha dunha serie de actividades ó longo dos días previos ó festexo. Así, desde o mesmo luns e ata onte, o centro de estudios Bolboretas promoveu, á tardiña, a participación de nenos e nenas en xogos tradicionais no recinto aberto da Alameda ribadaviense.

Para mañá venres está prevista a organización da terceira edición do concurso infantil e xuvenil de pintura rápida, que comezará ás 11,30 horas, mentres que de cinco a oito da tarde, os cativos poderán disfrutar dunha ampla oferta de xogos, baixo a dirección do Grupo Gastrafetes. Xa na medianoite, e orientado a tódolos públicos, a fachada do castelo acollerá un espectáculo de música, teatro e danza, "Keltia o musical", que conta a historia do nacemento da cultura atlántica en terras galegas, e que hoxe será presentado na cidade.

Con anterioridade, a última hora da tarde, e no mesmo espazo, o grupo "1.500", unha formación vocal e instrumental dedicada á interpretación da música antiga, dirixida por Andrés Díaz, interpretará varias pezas xunto co Coro da Istoria e os Clarinetes da Lira.

 Na xornada do día grande, o sábado, o público infantil ten unha cita co Grupo Gastrafetes no Campamento de Mercenarios que se instalará na praza da Alameda, con actuacións de 12,00 a 15,00 horas e de 17,00 a 21,30 horas.

Os cativos tamén poderán visitar, se se visten de época, o campamento de recreación histórica que abrirá no castelo dos Sarmiento o mesmo sábado, con horario de 11,00 a 14,00 e de 18,00 a 22,00, e no cal coñecerán o ambiente e os usos e costumes da Idade Media, rememorando os séculos desa época que Ribadavia recupera coa Festa da Istoria.

As actividades de danza, cetrería, carreira de pipotes, desfiles, actuacións musicais e teatrais ou o xadrez vivente, entre outras, son alternativas incluidas no programa desta nova edición nas que a organización tamén pretende poidan ser visionadas polos cativos non só da propia vila seón todos aqueles que se acheguen ata Ribadavia acompañados polas súas familias.

Un xeito de implicar cara o futuro ós nenos e ós xóvenes, dándolles a coñecer os segredos da historia, tanto na súa compoñente didáctica como lúdica, e, por outra banda, de introducilos paseniñamente na colaboura cos organizadores, xa sexa como voluntarios ou protagonistas de calquera do amplo abano de actos que integran a programación dun evento consolidado a nivel internacional.

Te puede interesar