Aínda que os recortes económicos que sufriu o festival este ano alarmaron polo posible reflexo nas actuacións, a calidade dos grupos compensou a menor variedade, segundo di a organización

A crise combátese co folclore

O grupo que representaba a Portugal pechou a programación onte en Bande. (Foto: MARTIÑO PINAL)
A cousa non pintaba todo o ben que o facía outros anos. As Xornadas do Folclore presentábanse ante a sociedade ourensá o pasado 21 de xullo. Daquela, un dos anuncios máis reproducidos nos medios de comunicación foi o recorte orzamentario de máis de 50.000 euros. Pero o director artístico do festival, Julio Fernández Senra, ó que o avalan 28 anos de experiencia, avisaba: 'non vai influír na calidade do certame'. Meu dito, meu feito. Cando agora chega o momento de facer balance, Fernández Senra amósase positivamente sorprendido polos resultados e a acollida do público.
Os asistentes non minguaron e iso é un bo referente de que as cousas van ben, pero o sinal definitivo para o director artístico é 'que ninguén marchou das actuacións'. Na cita do pasado martes na Praza Maior de Ourense, por exemplo, a actuación durou algúns minutos máis do previsto, pero os organizadores non recibiron ningunha queixa nin percibiron malestar entre os asistentes.

Foron oito os grupos participantes e ningún deles era previamente coñecido pola casa. Representantes dos folclores de Buriatia, Colombia, Togo, Bielorrusia, Chile, Corea, Bolivia e Rusia percorreron a provincia amosando xeitos ben diversos de entender a danza e a música. A organización, lonxe de asustarse por esta posta a cero no marcador da oferta, encheu os folgos e seleccionou o mellor de cada un. O que toca agora é pasar páxina na libreta, sabendo que as 28 follas anteriores están cheas de anotacións. 'Xa temos en mente a columna estructural do festival do ano que vén', porque ós grupos que van quedando na reserva súmanselle novos coñecidos. 'En decembro de cada ano xa temos máis ou menos o festival montado'. Só queda, pois, agardar que chegue agosto de 2012.

Te puede interesar