Entre a Cuña e San Francisco

A compañaba o amigo Delmiro que tiña que ir ó ambulatorio a facer unha xestión cando, ó ver a cola de xente que alí estaba a esperar véuseme á mente un artigo que publicaba La Región nas páxinas de opinión sobre o asunto da reforma da sanidade pública en EE.UU., indicando o articulista, Manuel Molares do Val, que era moi posible que os políticos rechazaran o proxecto de Obama alegando que Europa rebosa de listas de espera similares ós servicios asistenciais para pobres que prestan as igrexas e os concellos.
Na espera non pouiden por menos que escoitar a conversa que mantiñan dúas mulleres, desas que cada vez que ún acode ó centro posiblemente as atope por alí. Pregunta unha.

-Hoxe non veu a Rosa, qué raro, pasaríalle algo? A outra, mira para un lado, mira para outro, e contestálle toda chea de razón: -Estará enferma. E que hai moita xente que acode a consulta do médico a pasar o temo, coma se fora a un bar a tomar un café.

Esta frase recordoume a unha veciña que tiña que sempre comentaba que estaba enferma. O marido, cada vez voltaba coa teima contestáballe: ‘Hasme de enterrar a mín, ós fillos, e seguro que aínda enterras ós netos’.

Non pasaba semana que non acudira, como mínimo, unha vez a un médico moi afamado que había no Posío. O home, que xa sabía das súas debilidades, dáballe unhas pastillas que tiña él na consulta, que polo que se ve non eran máis ca un placebo para que se marchara contenta.

Voltei en mín despois deses pensamentos e seguín de novo a ‘champa’ que unha das mulleres lle seguía soltando á outra, e os que alí estabamos.

-Hai Pepita, estouche moi maliña, véxome morrer, doime a cabeza, dóenme...

A tal Pepita xa debía estar cansa de escoitala e as súas respostas tiñan cada vez máis retranca.

-Xa. E que o teu problema debe ser de cabeza.

-Hai Pepita, dígocho de veras, teño un pe na Cuña e outro en San Francisco...

A Pepita quedouse un pouco pensando mentras a muller seguía coa súa letanía de males. Cando fixo unha parada, contestoulle: -A cabeza, dudo onde a teñas, pero se tes un pe na Cuña e outro en San Francisco, a cona seguro que a tes no Fialato.

Te puede interesar