Tanto eles coma os espectadores quedan satisfeitos cada vez que mostran o seu folclore

Daguestán, a honra cultural

O que máis asombra do conxunto ruso son as piruetas dos seus homes
Fartos de que relacionen o seu país co terrorismo, o conxunto Lezginka mostra orgulloso a cultura da súa terra. Aínda que os actos violentos molestan moito no día a día, aseguran que a súa é unha zona onde se vive ben.
Para aqueles que non saiban ubicalos, Daguestán é unha república rusa situada nas montañas do Cáucaso, con paisaxes semellantes ás galegas. A súa vida económica xira arredor das industrias agrícolas, gandeiras e petrolíferas. Dentro deste contexto xurdiu, no ano 1958, o grupo que estes días visitou as Xornadas do Folclore. Formado por bailaríns profesionais, Lezginka conta con 86 membros dentro da súa academia de danza.

O folclore que presentan non está adobiado, nin á hora de danzar nin á hora de vestirse. Deste xeito, o hermetismo do pobo daguestano non permitiu que entrasen influencias externas nos seus costumes. Tampouco buscan modernizar as roupas, senón que as que cada día soben ó escenario son, nin máis nin menos, que as empregadas no país anos atrás.

Así, a personalidade deste pobo está curtida polo illamento ó que os condenou en tempos o relevo montañoso da zona. É por isto que os movementos que realizan no escenario son tan secos e a actitude que adoptan os danzantes é, sobre todo, de orgullo polo que están facendo.

Cómpre ter en conta que son 36 os pobos que compoñen Daguestán. Cada un deles coa súa cultura, o seu dialecto, a súa música e as súas tradicións. O que trata de facer Lezginka é sintetizar toda esa riqueza nun mesmo espectáculo.

Financiados basicamente gracias ás actuacións que teñen realizado a través dos cinco continentes, a profesionalidade dos bailaríns está moi sostida polo goberno de Daguestán.

Este ano visitaron España por novena vez. Onte, como ten acontecido cada vez que veñen a este festival, pecharon o espectáculo en Castro Caldelas.

Te puede interesar