A 'Festa da Vendima' propón iste domingo un concurso de adornos de balcóns e escaparates

Leiro exaltará ós colleiteiros

Un neno participa nunha das carrozas, na anterior edición da festa. (Foto: MARCOS ATRIO)
A vila de Leiro convertirase de novo na capital do Ribeiro coa celebración, o vindeiro domingo, da 'Festa da Vendima', que xa cumpre 22 anos. O programa abrirase ás 10,00 horas coa recepción dos acios de uva tinta e branca que optan a premios de 90, 60 e 30 euros.
Dúas horas máis tarde, tra-la benvida a autoridades e invitados na Casa do Concello, a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, lerá o pregón na praza do Cruceiro. A continuación, celebrarase o desfile de carrozas, charangas e grupos de gaitas dende a rúa Gabino Bugallal ata o Campo da Feira.

Os premios para as carrozas de adultos serán de 1.000, 750 e 500 euros para os tres primeiros clasificados, cun accésit de 200 euros para o resto, mentres que as infantís recibirán 450, 350 e 250 euros, ademais de 150 euros e un lote de libros para os rapaces que non se clasifiquen.

Coma novidade, a organización otorgará sendos premios de 100 euros ó balcón e ó escaparate comercial mellor engalanado, mentres o paseo fluvial acollerá a novena edición do Mercado Artesanal.

O xantar oficial da festa dará comezo no paraxe do Salgueiral ás 14,00 horas, coa correspondente entrega de galardóns ós gañadores dos concursos. Ás 17,00 horas, promoverase a participación en xogos populares, para rematar ás 21,00 horas, cunha 'Troulada Folk', organizada pola asociación cultural Taparraná.

Te puede interesar