A tapa xigante de pulpo aumentará 7 centímetros

<p></p>

O próximo martes, as pulpeiras e pulpeiros carballiñeses voltarán a elaborar a tapa de pulpo máis grande do mundo

O Carballiño superará de novo o fito na preparación dunha tapa xigante de pulpo o próximo martes, 9 de agosto, na Praza Maior. O prato de madeira de piñeiro aumentará en 7 centímetros o seu diámetro anterior, acadando os 5,37 metros de diámetro. Ese día, ás 20,00 horas da tarde, as pulpeiras e pulpeiros do Carballiño voltarán a elaborar a tapa de pulpo máis grande do mundo.

Para cubrilo é preciso cocer 750 quilogramos de pulpo e, unha vez rematado o proceso de cocción, cortalo en talladas axeitadas no menor tempo posible e aderezalo con aceite de oliva virxe, sal e pementón. Un labor que realizarán 25 expertos cortadores de pulpo.

Deste prato sairán ao redor de 2.000 racións que poderán ser degustadas, xunto cun anaco de pan de Cea e unha cunca de viño do Ribeiro, polos numerosos veciños e visitantes que se acheguen á vila.

En canto ás entradas para comer no recinto oficial da Festa do Pulpo, que se celebra o 14 de agosto, o Concello espera que se esgoten nestes días. Só se poden adquirir nas dependencias municipais, en horario de luns a venres, de 08,00 a 14,30 horas. Teñen un prezo semellante ao dos últimos anos, 30 euros, que inclúe o menú completo da Festa do Pulpo. O recinto ten capacidade para 1.200 persoas.

Te puede interesar