O popular actor recibiu o primeiro Xociviga de Honra, nun acto celebrado no Auditorio carballiñés

Xosé Manuel Olveira: ‘O cine galego está a vivir unha boa época, como lle gustaría a Chano Piñeiro’

Carlos Montes entrega o galardón a Xosé Manuel Olveira, onte no Auditorio. (Foto: Martiño Pinal)
O actor coruñés Xosé Manuel Olveira, ‘Pico’, lembrou os seus inicios no mundo do cine hai máis de 30 anos, antes de recibir do alcalde do Carballiño, Carlos Montes, o primeiro Xociviga de Honra pola súa traxectoria dentro do audiovisual galego.
O xurado do primeiro premio Xociviga de Honra non tivo oportunidade de discutir, o pasado 19 de agosto, sobre o seu destinatario, xa que os seus cinco integrantes decidiron por unanimidade concederllo a Xosé Manuel Olveira, ‘Pico’, un recoñecido actor nacido hai 53 anos na localidade de Esteiro, no municipio coruñés de Muros.

Foi o propio presidente da comisión seleccionadora, o alcalde carballiñés Carlos Montes, quen de entregarlle unha escultura elaborada en madeira polo artista local Chicho Carballido, e que representa un aparato proxector. O acto desenvolvouse na noite de onte no Auditorio municipal, no penúltimo día das Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga), que se veñen desenvolvendo na vila do Arenteiro dende o sábado. Alí estaban para arroupar a ‘Pico’ os seus compañeiros de profesión Uxía Blanco, Xoque Carvajal, Jouse García e Rubén Riós; os directores José Luis Cuerda e Ángel de la Cruz, ademais da viúva de Chano Piñeiro, Mari Luz Montes.

Contactos

Foi precisamente Xosé Manuel Olveira o que lembrou os seus inicios no mundo do cine en Santiago de Compostela, da man do finado autor de ‘Sempre Xonxa’, ‘no que Chano manexaba unha cámara en súper oito milímetros para rodar a curtametraxe ‘Os paxaros morren no aire’. Logo virían ‘Esperanza’ e o filme protagonizado por Uxía Blanco, con exteriores no Carballiño. O galardonado actor tamén fixo referencia ós seus primeiros contactos co grupo de teatro Ditea, a súa emigración a Nova Iorque para traballar na construcción e o seu retorno a Galicia en 1985, ‘cando coñecín a unha actriz, a ribadaviense Rosa Álvarez, que me facilitou a entrada no Centro Dramático Galego, que dirixía entón o seu esposo, Ernesto Chao’.

Xosé Manuel Olveira comentou que ‘no Carballiño síntome coma un pulpo, xa que en Muros se pesca e aquí se prepara de xeito exquisito’. Tamén destacou que ‘en Galicia están saíndo moi bós realizadores e actores que non teñen nada que envidiar ós doutras comunidades ou países, e estanse a producir series de ficción de moita calidade’, aínda que recoñeceu que ‘eu sempre tiven papeis secundarios, pero sen eles non hai protagonistas’. Neste sentido, Olveira asegurou que ‘o cine galego ten moito futuro xa que está a vivir unha boa época, como lle gustaría a Chano Piñeiro’.

Non faltou o seu alcalde

Un bó número de autoridades asistiu ó acto da entrega do Xociviga de Honra a Xosé Manuel Olveira. Entre eles, o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro; o senador Miguel Fidalgo e os deputados Laura Seara e Alberto Fidalgo, así como o presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Ignacio Varela. Tamén estiveron presentes concelleiros da Corporación carballiñesa, ademais de Domingo Dosil, alcalde de Muros, municipio onde naceu o popular actor.

HOXE

Auditorio: Cine infantil.
11.00 h. ‘Kika superbruxa’.
17.00 h. ‘Ice 3, a orixe dos dinosaurios’.

Auditorio: Acto de clausura, 23.00 h. Luis Boyano presenta o seu espectáculo ‘A miña movida máxica’.

Casa do Concello: Exposición de carteis das Xociviga dos anos 1984 a 2009.

Te puede interesar