O TSXG acorda manter a suspensión cautelar da Mina da Penouta

Penouta. 04-06-14. Provincia. Mina en Penouta, Viana do Bolo.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Mina en Penouta, Viana do Bolo. Foto: Xesús Fariñas
A suspensión cautelar da Mina da Penouta (Viana do Bolo), acordada xa no mes de setembro deste ano, mantense. Un dos maxistrados emitiu un voto particular

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestima os recursos interpostos pola Xunta e a empresa promotora, Strategic Minerals, contra o peche da mina, e acorda mantela suspendida cautelarmente.

No novo auto, emitido o pasado 1 de decembro, os maxistrados ratifican a súa decisión, volven darlle a razón a Ecoloxistas en Acción, e deciden impoñer unha multa de 300 euros tanto á Xunta como á compañía mineira.

Denuncian a "omisión" do impacto medioambiental

Ademais, critican que se "omitira" durante a súa tramitación administrativa un estudo sobre os impacto nos espazos de Rede Natura 2000. Os xuíces afirman que a declaración de impacto ambiental (DIA) "non ha de limitarse ao ámbito catalogado, senón que han de estudarse os efectos sinérxicos, a influencia dos proxectos" sobre o territorio protexido.

O TSXG recalca que non se fixo "unha adecuada avaliación das repercusións" da canteira no lugar "a pesar de que lle foi indicado polas alegacións de 12 persoas físicas e xurídicas" durante o proceso de información pública.  É máis, o proxecto presentado "non cumpre" co disposto na Lei de Avaliación Ambiental (LEA) por "omisión" tanto da empresa, que se limitou a indicar que "non causa afectación"; como da Xunta, que "non a esixiu pese ao impacto evidente desde os cero metros" á Rede Natura 2000 Pena Trevinca.

En relación ás posibles emisións e verteduras nese espazo protexido, os maxistrados aseguran que "están a chegar" á zona protexida, "ben por vertedura a canles fluviais como por emisións atmosféricas". Recalcan ademais que "aínda que digan os demandados (Xunta e promotora) que realizaron medicións que arroxan un valor por baixo do límite establecido, non foron sistemáticas e ocultan máis do que revelan".

Aseveraron así mesmo que as canles próximas presentan niveis elevados de arsénico, mercurio, chumbo e cadmio malia empregarse para consumo humano, o que xa motivara denuncias por parte do servizo municipal de augas do Concello de Viana do Bolo.

Ecoloxistas en Acción fala de "novo revés xudicial"

Ecoloxistas en Acción emitiu un comunicado. Nel fala dun "novo revés xudicial" aos responsables da Mina da Penouta, Strategic Minerals, así como para á Xunta e a Consellería responsable.

Os ecoloxistas tamén critican que a empresa canadense que xestiona a mina pretenda facerlles pagar unha fianza de máis de 3 millóns de euros polos prexuízos económicos desta loita xudicial.

Por último, os xuíces do TSXG tamén afirman no auto que a decisión de continuar coa actividade aínda que unha resolución administrativa non sexa firme "é a súa decisión" e deberán por tanto "asumir as consecuencias que implique".

Te puede interesar