Concha Outeiriño, as mans que tecen a tradición etnográfica

Concha Outeiriño comezou a tecer da man do seu irmán Antonio. Hoxe, sen el, mantén viva a herdanza que lle deixou e que a enganchou hai case catro décadas a unha bruxería de combinacións de fíos coa que os galegos elaboraron as súas roupas durante séculos

Unha herdanza que Concha Outeiriño se encarga de legarlle tamén ás novas xeracións dende o centro de cultura popular Xaquín Lorenzo, onde imparte os obradoiros de teares para alumnas de tódalas idades e dende onde se encargan tamén de confeccionar o vestiario da Escola Provincial de Danza. Dende este órgano da costura, mans e pés interpretan unha coreografía mentres Concha observa con orgullo como perdura a tradición e a artesanía regresa ó lugar do que nunca debeu ser desterrada.

De onde vén a súa historia cos teares?

Empecei como hobby. O meu irmán Antonio era o que tiña o tear e andabamos facendo tapices e cousas así. E eu metinme un verán, decidín que quería traballar no tear. Ía facer Belas Artes e ó final quedei no taller. Enganchoume de tal maneira, que así levo case 37 anos no tecer.

Xa é unha mestra tecedeira…

Nunca se é de todo. Sempre se aprende, incluso das alumnas. Nunca está todo aprendido. Elas séguenme ensinando a min e eu a elas. 

Que tipo de actividades desenvolven dende os teares do centro Xaquín Lorenzo?

Fixemos o Museo do Traxe Tradicional, que está en Santa Cruz de Arrabaldo, fixemos toda a recuperación do vestiario e traxe tradicional xunto coas alumnas. Eu doulles unhas pautas de teas que necesitamos e facemos o tecido para a Escola Provincial de Danza. Despois deixamos tamén un par de meses para que as alumnas fagan cousas para elas, chales, bufanda ou incluso algunha colcha. Pero realmente a actividade de teares está orientada para a escola.

Está a piques de comezar un novo curso. Quen pode anotarse?

Si, hai que matricularse igual que se fai para baile ou pandeireta. Son matrículas cuatrimestrais e poden vir tres días á semana a tecer. Entendemos que poden ter un tear para cada unha, pero todo depende da demanda e da cantidade de xente que teñamos e vanse turnando. É de luns a venres, polas tardes. Polas mañás tamén teño un grupo de deseñadoras de Adolfo Domínguez, que estamos desenvolvendo un traballo conxunto con eles. 

Hai interese?

Si, si. Xa digo que hai moita demanda. Hai veces que temos que deixar a xente fóra por cuestións de espazo. A min gustaríame deixar un tear para cada unha pero ás veces é imposible. 

O tear é típico en moitas culturas, pero ten algunha característica propia o tear galego?

O tear galego é todo manual e tecíase de pé. Nós agora adaptámolo un pouco para podernos sentar porque senón acababamos todas mal da espalda. É a única diferencia que tén. Despois tamén hai teares galegos con dúas primideiras, de catro ou incluso de oito. Pero o tradicional segue sendo manual totalmente.

É tan difícil como parece?

Non. Ás veces as alumnas dinme que fan Camariñas ou fan bolillos e parécelles isto moi difícil, pero calquera das outras a min parécemo moito máis. É aprender a base. 

Que é o que máis lle sorprende á xente unha vez que se inicia no mundo dos teares?

A colocación dos fíos. Din que é coma unha especie de bruxería. A colocación do tear é fundamental, se os fíos van mal colocados, o tear non funciona. E como dicían as vellas tecedeiras, “se o tear non canta, malo”.

Dicía antes que, sobre todo, traballan para o vestiario da Escola de Danza. Que tipo de pezas fan?

Facemos todo tipo de pezas. Nas dos nenos traballamos outro tipo de tecidos, pero para os maiores e o grupo de Castro Floxo son todo pezas tradicionais. 

Despois de tantos anos tecendo, de que se sente máis orgullosa?

Das miñas alumnas. Porque de aquí saíron tecedeiras moi boas. Hai unha rapaza en Allariz moi boa que saíu da Escola, outra que ten unhas alpacas, outra rapaza en Celanova que tamén está tecendo… É como se foran fillas miñas. 

Lembra teares na súa casa?

A miña avoa xa tecía. Eu lembro moi pouquiño, pero o meu irmán Antonio lembraba máis e por iso montou isto. El xa non está e deixoume a min esta herdanza. Eu intento deixarlla ós meus fillos, pero vai ser un pouco complicado porque unha está en Estados Unidos e o outro está voando no cine… Nunca se sabe.

Cal é a importancia dos teares dentro do mundo da etnografía e do centro de cultura popular Xaquín Lorenzo?

A recuperación. Pensa que en Galicia era raro o pobo onde non había unha tecedeira. Volver recuperar todo iso é moi interesante. Ademais, a maioría das alumnas que veñen aquí son novas, aparte dalgunha maior que aínda lembra cando se sementaba o liño e todo ese proceso. Pero esa xente xove que se está preocupando da tradición fai ver que realmente interesa a nosa historia. Ademais de teares tamén temos obradoiro de cesteiro. Son cousas tradicionais que hai que volver recuperar. 

Porque realmente o tear é o punto final dun proceso moito máis amplo…

Claro, empeza na colleita do liño. Por certo, este ano tamén estamos aquí na escola facendo todo o proceso da seda. Puxemos a andar un proxecto que nos propuxo un alumno de teares e este ano conseguimos sacar seda. Este novo curso ímolo facer moito mellor e incluso lle imos dar ós nenos os gusanos para que os críen e poder repetir o proceso. E esa seda esperamos poder tecela.

A calidade coa roupa feita nun tear ten comparación coa que vestimos hoxe?

Para nada, non se pode comparar. Ti colles unha peza antiga de hai 200 ou 300 anos e está practicamente impecable. Colles unha de hoxe que din que é liño, pero que  non o é, e non ten nada que ver. 

A sociedade está volvendo considerar a importancia da artesanía?

Eu creo que agora a xente empeza a volvela considerar. Vexo que a xente nova quere recuperar o papel da artesanía. E realmente necesitamos artesáns, porque non os hai. Date conta de que non hai albaneis, carpinteiros… Hai que volver recuperar todo iso e creo que as novas xeracións si o están intentando. 

Te puede interesar