Veciño a veciño loitan polo “fermosismo” de Puxedo

photo_camera A máis de 700 metros de altura, no Parque Natural do Xurés e Reserva da Biosfera Transfronteriza Gerês – Xurés ubícase Puxedo, Concello de Lobios, unha aldea modelo pola restauración que foron levando nos últimos anos.
A máis de 700 metros de altura, no Parque Natural do Xurés e Reserva da Biosfera Transfronteriza Gerês – Xurés ubícase Puxedo, Concello de Lobios, unha aldea modelo pola restauración que foron levando nos últimos anos. Actuacións para combatir o feísmo e para darlle unha nova vida e valor ao seu entorno. Actuacións que non serían posibles sen a unión e a dedicación dos veciños que día tras día buscan mellorar cada recuncho. E é que con esforzo e grandes doses de ilusión e implicación, si se pode

Pódese converter unha aldea de ao redor unha trintena de habitantes nun espazo referente polo que chegan a pasar 2.000 persoas nunha xornada. En punto de partida dalgunha das fermosas rutas de sendeirismo que tamén recuperaron. Nun lugar onde aprender o ciclo do pan tal e como era noutros tempos. Onde descubrir os aperos de labranza doutras época... Unha recuperación que fai que nos últimos anos os veciños portugueses mercasen ao redor de 16 casas para a súa rehabilitación integrada na espectacular paisaxe do Xurés - Gêres. Unha rehabilitación que fai que moitos dos que se achegan pregunten se aínda poden mercar algunha casa...

O reloxo marca as 20,00 horas e a porta de A Lareira do Xurés, un bar-tenda á usanza dos ultramarinos de toda a vida, comeza a abrirse unha vez tras outra para recibir aos  veciños da localidade de Puxedo. Esta é a hora que teñen fixada para xogar a súa partida habitual e botar unha parrafada sobre a actualidade, os recordos do pasado, e tamén ir cavilando nos vindeiros proxectos que queren levar a cabo nesta pequena aldea de Lobios enmarcada nunha paisaxe de postal no Parque Natural do Xurés e Reserva da Biosfera Transfronteriza Gerês – Xurés. Milagros, Domingo, Rosa, Aurea, José Manuel, Rosa, Perfecto… son tan só algúns dos nomes dos veciños que día tras día conviven neste pequeno paraíso e que viviron en primeira persoa unha transformación admirable das súas rúas e recursos. Unha recuperación digna de ser imitada en cada un dos recunchos de Galicia.

Os veciños

Perfecto Rodríguez é de Puxedo de toda a vida. Un mural coa súa imaxe preside a praza de San Antonio, “cala. Eu non sabía nada. Decidirono nunha comida nos muíños, co baile, a festa e alguna copa de licor. Colleron unha foto miña e aí me ves. Pintado por Mon Devane no medio e medio da praza principal”, conta cun ton no que se mestura humor e tamén moito orgullo. Por ser un dos protagonistas dos muráis e por formar parte da reconversión de Puxedo. 

Perfecto naceu co inicio da Guerra Civil, no 36, e o seu recordo de Puxedo de fai menos de 20 anos “era como o de moitos pobos de Galicia, decaído, con moitas casas abandonadas, teitos de uralita, ladrillo vista, as rúas descoidadas, as eiras abandonadas…”. Pero chegou o cambio e no 2007 formaron a Asociación de Veciños de Puxedo cun primeiro obxetivo: restaurar o retablo da capela de San Antón, patrón da localidade. E, como unha cousa leva a outra, esta foi a semente que reconverteu a aldea nun punto obligado de visita de visitantes e turistas do Xurés, así como dos camiñantes que buscan perderse, en sentido figurado, por algunhas das rutas que ofrece.

As mans que amasan o pan noutro dos murais que nos atopamos son as de Celsa Paz, responsable tamén de A Lareira do Xurés. Afondando na recuperación lembra como “as rúas estaban cheas de pedras e barro, incluso nos días máis duros había que retirar a lama para poder camiñar”. Ademais das rúas, recuperaron o palco da música, o peto de ánimas -o máis grande de Ourense e un dos máis grandes de Galicia- as fontes, os sete muíños ubicados a carón do río, as eiras “totalmente abandonadas e das que os propios vecinos quitamos as silvas, toxos e fentos”… recunchos de Puxedo que os visitantes poden seguir cun fío condutor: o ciclo da elaboración do pan. “Temos Puxedo enfocado a este ciclo, así en cada aira atopamos un mural explicativo da sementeira, a sega, a malla a moenda e a fornada. E ademais dos visitantes esporádicos, temos grupos organizados e mesmo escolares que elaboran o seu propio pan”.

Domingo Pérez di que é “prestado” de Puxedo, xa que casou cunha veciña da localidade, e dende hai 56 anos residide na aldea. Non é de moi lonxe, de A Cela, outra pequena localidade do Xurés imprescindible polas súas casas construidas aproveitando como paredes os grandes bolos graníticos. Un modelo de adaptación ao medio en tempos nos que non había tantas facilidades constructivas. Viviu fora, pero dende a súa xubilación “de aquí non me quitan”. E, a pesares de ter que ir ata Ourense a miúdo, “non quedo na cidade se non me queda outro remedio”. Domingo é outro dos namorados de Puxedo que sabe vender moi ben a súa terra: “o clima, non hai contaminación, esta paisaxe natural, os caminos para pasear… a miña propia horta, que ademais de entreterme e aforrar os meus cartiños, como cousas moito máis naturais e saudables”

Julio Pérez é outro dos veciños de Puxedo. Naceu na postguerra, no 39, anos que recorda moi duros e nas que na localidade só quedaban os rapaces e as mulleres, “os homes estaban no frente, fuxiran a Portugal ou na búsqueda de oportunidades na emigración”. Daquelas eran moitos máis veciños, familias numerosas de sete ou oito irmaos e sempre que se saía a rúa atopábase a alguén co que falar. E tamén co que colaborar. Afirmación que ratifica Perfecto, “a unión dos pequenos pobos nas labores agrícolas era o mellor exemplo de cooperación. Tan só un tiña que pedir axuda para calquera cousa e deseguida se xuntaban as mans necesarias para levalo a cabo”. Unha unión que aínda se pode observar en Puxedo hoxe en día

Julio marchou con 18 anos, fixo o servicio militar, estivo traballando nunha mina en Cataluña durante tres anos, marchou a Francia e Suiza. Casou e viviu 14 anos en Barcelona, pero á hora de decidir o seu futuro e o da súa familia, optou por regresar a súa terra. E en Puxedo leva dende 1982, “orgulloso da rehabilitación levada a cabo, pero con certa mágoa por non haber empezado 30 anos antes”.

Rosa Paz é outra desas veciñas dun pobo cercano que casou en Puxedo. Tiña 20 anos e dende aquela xa pasaron 60 anos e alí segue, contando cunha mirada chea de orgullo todo o feito no pobo. Esas fontes recuperadas que aparecen por calquera espazo do pobo, os fermosos bancos totalmente integrados para tomarse un descanso, as flores que con mimo regan para encher de cor recunchos, un forno comunitario, espazos interpretativos recuperados para amosar a riqueza da terra, o Ecomuseo do pan, o local social, a limpeza de cada rúa, … “pero aínda queda moito por facer: camiños por axeitar, casas por rehabilitar… ”. E enerxía non lle falta para loitar por ese futuro.

Festa e cultura

Puxedo non só é rehabilitación. Tamén é festa e cultura. Excusas para reunirse e atraer a moita xente. Tanta que “na contorna somos os máis festeiros e os que máis xente temos nelas. Dende o San Antonio, Santa Lucía, o ciclo do pan que no 14 de agosto ten o seu día grande, ata un concurso de pintura ao aire libre en outubro –“eu estou nun cadro no local social con Aurea amasando no pan”- ou charlas sobre turismo, ecoloxía ou medio ambiente. Da gusto ver tanta xente por aquí”.

E non só veñen turistas, senón que nos últimos tempos mercáronse ao redor de 16 casas para empregalas como segunda vivienda. “Todos son veciños de Portugal, que, con moi bo gusto e respetando totalmente o entorno están dando unha nova vida ao pobo”, comenta José Manuel Rodríguez, veciño que “tropezou” para acabar en Puxedo fai 44 anos. Bota de menos que haxa máis xuventude, pero si que nota que hai certo cambio de mentalidade e agora, cecáis a raíz da pandemia, hai máis xente que se anima a mercar preto da natureza, en espazos onde reina o aire puro e o verde. 

Aurea Pérez regresou para facerse cargo dos seus pais tras ter unha tenda de ultramarinos en Vigo e ser a propietaria do Bar París da rúa Lepanto en Ourense -bar que conserva o nome-. Comezou estando en Ourense cunha filla, pero sempre ía atopando unha excusa para non votar a cidade “apañar figos, despois as castañas, despois sementar… o caso é que eu estaba moi a gusto aquí e aquí me quedei”. O día a día dos veciños transcurre coa tranquilidade de quen non ten que estar pendento do reloxo. Ao ritmo que marca o corpo. “Erguerse, arrombar a casa, pasear co can, a sesta, regar as plantas, atender a horta… e a partida as 20,00 horas”.

Te puede interesar