O meu cole chámase...

Cidade de Antioquía e Lagoa de Antela

Esta semana trasladámonos ás terras da Limia para coñecer unha enigmática lenda cos nomes dos seus institutos.

A cidade asolagada

xornalescolar_2302_nomes_001

Di a lenda que existía preto de Xinzo de Limia unha cidade castigada por Deus polos pecados dos seus veciños e que, como penitencia, mandou cubrila de auga. Chamábase Antioquía e quedou cuberta pola Lagoa de Antela. Tan só na mañá do día de San Xoán, esta cidade deixa asomar a punta da súa torre lembrándolle á comarca da Limia que aí permanece a súa memoria. Era a máis rica e máis grande de Galicia e dela salváronse os xustos. Ou iso é o que di a tradición oral e as lendas da comarca. Seica no Nadal, aínda se escoitan cantar os galos que nela vivían.

Un dos maiores humidais

xornalescolar_2302_nomes_002

A Lagoa de Antela, augas baixo as que quedou sepultada a Cidade de Antioquía segundo a lenda, era unha das zonas húmidas de maior extensión da Península Ibérica e a súa orografía dalle o toque característico á paisaxe da comarca da Limia. Sete kilómetros de longo e seis de ancho daban boa conta desta característica. Ó seu redor circulaban moitas lendas, ata que foi desecada nos anos 50 para gañar terreo agrícola. Da súa época como lagoa aínda se lembran moitas das aves que cada ano acoden ó entorno e converten a zona de Antela nun gran punto de observación de paxaros.

Dous institutos

xornalescolar_2302_nomes_003

A capital comarcal, Xinzo de Limia, ten moi presente no seu día a día tanto a lenda da cidade de Antioquía como á Lagoa de Antela. Son estes os nomes dos dous institutos que forman ós estudantes da zona, lembrando tanto a tradición oral como o patrimonio natural cada día nas aulas, que aglutinan a alumnos de Secundaria e Bacharelato de toda a comarca da Limia. O clube de fútbol ou agrupacións musicais tamén recorreron a estes dous nomes, demostrando que os veciños de Xinzo teñen moi presente a memoria viva da súa comarca nas diferentes actividades.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar