COLE A COLE

Tradición e innovación

photo_camera Biblioteca do centro, onde os estudantes realizan os seus traballos.

O IES Ramón Otero Pedrayo é un centro de referencia e gran prestixio en Ourense

Os principais obxectivos do IES Ramón Otero Pedrayo son: diminuír o fracaso escolar e mellorar o rendemento académico do alumnado, diminuír o absentismo dos alumnos e das alumnas, favorecer a convivencia entre tódolos membros da comunidade educativa, fomentar comportamentos e hábitos saudables, abrir o centro ó contorno e facilitar o emprego das novas tecnoloxías ó alumnado do centro.

Entre os servizos que ofrece este prestixioso centro de ensino público encravado no Casco Vello de Ourense, a rentes do Xardín do Posío, está a formación de gran calidade para os alumnos/as cun grupo humano de grandes profesionais do ensino e unhas instalacións nas que, ademais das aulas, destacamos o patio descuberto, o pavillón polideportivo, o ximnasio, os laboratorios de Bioloxía e Xeoloxía e de Física e Química, a Biblioteca, unha cafetería, dúas aulas de informática e un taller de Tecnoloxía e de Plástica. Pero, sobre todo, o magnífico Paraninfo, que se pode alugar para actos culturais e académicos.

O IES Otero Pedrayo está a traballar nunha ampla variedade de proxectos, destacamos: aulas sen fume da Consellería de Sanidade e Proxecto Centros Activos e Saudables da Consellería de Presidencia. Ademais os estudantes participan en diversos concursos académicos como a Olimpíada Matemática, o Canguro Matemático, a Olimpíada de Física e Química e a Olimpíada de Bioloxía, na que un estudante deste centro foi un dos tres gañadores da fase galega que se celebrou en Vigo o pasado 12 de xaneiro deste mesmo ano, e que vai representar a Galicia na fase nacional. Tamén en diveros concursos como son os de robótica, os da Constitución, etc...

Son moitas as actividades complementarias e extraescolares que se levan a cabo no Ies Otero Pedrayo, visitas a exposicións, fábricas e diversas empresas, roteiros, obras de teatro e saídas culturais para coñecer diversos rincóns da nosa xeografía. 

É importante suliñar que tamén participan nun intercambio cun centro educativo da Bretaña francesa no que os estudantes de francés visitan esa rexión e tamén París. 

O director do Ies Otero Pedrayo, Juan Saco, destaca do centro: “ Os bos profesionais que nel traballan, a súa situación no casco histórico da cidade e a súa historia e antigüidade. Dende finais do século dezanove e ata hai 50 anos era o único centro de educación secundaria da provincia. O seu fermoso edificio histórico conta con salas dignas de admiración como a nosa Biblioteca e o Paraninfo, que ten unha gran acústica e unha nova dotación de son, que o converte nun magnífico espazo para acividades educativas e culturais”. Nas súas aulas, corredores e claustros permanecen os recordos imperecedeiros de numerosas promocións de alumnos e mestres entre os que sobresaen nomes como Saco e Arce, Julián Besteiro, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Marcelo Macías...

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar