Opinión

Ernesto Romero, un heroe do cine

Non pense o lector que estou a falar dun director, actor, guionista ou outro persoeiro que dalgún xeito fai películas. Non, o noso heroe non se adica a nada diso, o que fai e máis importante: proxecta, fai andar as películas no seu pequeno salón cinematográfico de Leiro. Pero o mais chamativo de Ernesto é que vén de montar o modernísimo sistema 3 D, que ainda non existe en moitas cidades. Ernesto chamou a moitas portas para conseguir a financiación precisa, pero tivo que ser o seu irmán quen o avalara, e ainda por riba amparada toda a operación co empeño da sua propia casa familiar e o cine que está no baixo do edificio. Un heroe, se lle saen ben as cousas, porque de non ser así, xa me dirás.


Estou seguro de que si todos amásemos o noso oficio deste xeito apaixoado, outro galo cantaría na nosa sociedade.


Ernesto Romero é, dalgún xeito, como aquel Alfredo de Cinema Paradiso, que se non tiña unha bobina de celuloide entre mans nada parecía importar. De non ser así non escomenzaría de axudante de proxección alá polo 1966 no Principal de Leiro. A vida levouno ata o García Barbón de Vigo, onde traballou dez anos para a empresa Fraga. E agora no seu propio cine de Leiro traballa de todo, vende entradas, é o porteiro, proxecta e ata limpa o local, as veces axudado polo seu irmán.


¿Non é a emprendedores coma éste a quen teñen que axudar dende a Administración? Pois polo que se vé, non. Sen embargo, vemos como se lle dan pensións e axudas a alguns que na sua vida deron pancada nin teñen a máis mínima intención de facelo.


Ernesto Romero, se tivera axudas, podería coller un empregado e levar o seu cine dun xeito máis humano. Ben o merece. O que é lamentable é que un emprendedor e currante coma el teña que decir: ‘Se a cousa non me sae ben quedarei sen casa’.


Eu non sei se é que algúns vemos as cousas da vida dun xeito distinto pero o meu parecer é que a ilusión, a fé nun proxecto e a iniciativa en algo tan fácil de comprobar deberan ter premio. Senón de que vamos nos tempos que corren. E que quede clariño, Ernesto e máis eu non nos coñecemos de nada.



Te puede interesar