Opinión

2015, movementos no taboleiro

No mundo arestora todo está máis conectado e revolto ca nunca. De andar o prezo do petróleo polos 175 ou 200 euros, a todos nos parecería lóxico que os expertos dixesen: “Señores, o Estado Islámico ocupou os campos petrolíferos de Iraq e Siria; Nixeria, estado petrolífero do golfo de Guinea, está contra as cordas por Boko Haram; Libia, case toda, en mans da bandeira negra; Chavez xoga –e mal- co crú venezolano; as monarquías de Arabia e do Golfo, no obxectivo do islamismo radical descontrolado... o mercado está asustado e o medo fai subir o petróleo”. Pero sucédelles ao revés: anda máis barato ca nunca. A crise fai que haxa menor demanda e tres circunstancias, maior oferta: o éxito da técnica do fracking nos USA, novos produtores, e, sobre todo, a apertura a caneiro cheo do petróleo de Arabia Saudita... Eses baixos prezos supoñen unha maior axuda contra a crise económica que as medidas que poidan decidir os gobernos occidentais e poñen, de paso, en crise máxima o sistema ruso. 

E con estes favores, os poderes árabes alíanse con Occidente para dúas cuestións interconectadas: trataren de frear o plural, díscolo e sanguinario extremismo musulmán e tentar resolver o conflito de Israel. De conseguíreno, pensan, recuperarían o prestixio no mundo musulmán e viría un tempo de calma. Os analistas demócratas dos EEUU, coa experiencia á vista, saben que non hai solución militar contra o Estado Islámico; por iso só levan a cabo traballos menores de contención, apoiando aos kurdos benditos. E Obama, de retirada, topa un novo aliado cun grande ascendente sobre a espiritualidade mundial que é o papa, e move ficha: EEUU saca do medio un tema menor como Cuba, puro residuo da historia, de absorción fácil a medio prazo, por xentes preparadas e occidentais; e intentará, máis complicado, achegarse a Irán, dados os inimigos comúns do mundo xií e de occidente, e co recoñecemento á xerarquizada disciplina xií en Iraq ou Líbano. 

Obama ten, pois, as mans libres para o grande problema: unha parte da humanidade está disposta a matar e morrer fanatizada e autofanatizada como poucas veces na historia, grazas, tamén, ás novas tecnoloxías da comunicación. Así, Occidente parece querer ir cara a unha neutralidade resolutiva no conflito entre palestinos e Israel. Os parlamentos europeos dan pasos para recoñecer ao Estado Palestino, mesmo sen que estes recoñezan o dereito a existir de Israel e prediquen o odio nas súas escolas, e sacan a Hamás das listas de organizacións terroristas. A idea, parece, é “calmar” aos musulmáns moderados do mundo e forzar a israelís e palestinos a un acordo de paz que abra unha nova era. Se as monarquías de Arabia e o Golfo presionan a Hamás, se Irán presiona a Hizbulá, se USA e Occidente presionan a Israel... se Erdogán e Sisi apoian desde Turquía e Exipto... podería chegar a ser imaxinable un acordo. Ora ben, hai demasiada condicional enlazada e se unha falla, sería máis complicado. En calquera caso, quen nos ía dicir que teriamos un presidente negro en USA e un papa arxentino no Vaticano? O desacougo destes días en París, indícanos que hai que mover ficha con firmeza e intelixencia para darlle unha oportunidade á esperanza en 2015. Despois a realidade será a que será.

Te puede interesar