Opinión

Baile de mortos

Por fin repousa a raíña de Inglaterra. Un baile de dez días, cansa. A mortos e vivos. Claro que visto desde unha Galicia construída sobre o mito do traslado do defunto Santiago desde Xerusalén a Compostela, fácil se entende esta “traslatio” do corpo de  Isabel. 

O que leva o premio de viaxeiro post-mortem é Colón. Despois de ter ido a América catro veces, o desgraciado -era tan mala xente que ata lle roubou viño a un abade de Ribadavia- o tal morre en Valladolid alá por 1506 e alí o enterraron, claro. Logo, en 1509 levárono á Catedral de Sevilla. Pero velaí que a familia, que tiña denunciado á monarquía por incumprimento do contrato das capitulacións, pactou un acordo, xa co rei Carlos I de España, de gobernaren eles a illa de Xamaica e levaren o corpo para América. Seica o trasladaron contra 1539 para a Catedral de Santo Domingo -andou unha Álvarez de Toledo, vicerraíña, no trato- e alí estivo ata 1795. Daquela ocuparan os franceses a illa toda e decidiron levalo a Cuba, que mal sitio tampouco é. Pero velaí que coa guerra perdida  do  meu bisavó Gumersindo, decidiron que viñese á península de novo.  1898, barco a Cádiz e á Catedral de Sevilla. Mausoleo de moito nabizo. Como se fose bo.

Pero velaí que en 1877 descubriron un cofre na Catedral de Santo Domingo, de chumbo, que por fóra pon “Varón ilustre y distinguido Cristobal Colon”, e os de alí, claro, explican  que cando levaron os restos para Cuba, estaba todo revolto e os apañaron ao chou. Total que lle fixeron un monumento -museo enorme, Faro de Colón-, e en 1992 o caixote de chumbo coa inscrición foi para alí. Os de Sevilla, áxiles,  en 2006 tiraron de ADN  e comprobaron, como nunha proba de paternidade,  que os seus eran, sen dúbida, 99,999%,  de Cristobal Colón. Claro que como só teñen o 15 % do esqueleto, o resto pode estar ciscado por aquí, alá e acolá, e todos teren razón. 

Outro baile curioso foi o de Felipe o Fermoso. Morto en Burgos en 1506,  a súa muller, Xoana, senón tola bastante guillada si, quixo levar o seu corpo a Granada -o corazón mandáranllo a Flandes- e andou con el de paseo polas terras de Castela ata que en 1509 o pai Fernando, farto, a ela encerrouna e a el enterrouno en Tordesillas. Pero en 1525 outro trasacordo e Carlos I mandouno a Granada, onde, trinta anos despois, achegouse a muller. Defunta, claro.

De machotes fachas foi o traslado do asasinado José Antonio Primo de Rivera desde a cova primeira en Alicante ao Escorial -para mosqueo dos monárquicos- alá polo inverno de 1939. A ombros; sen parar día e noite, dez días: había relevos, menos mal. E despois, alá por 1959, sacárono de alí e emigrou ao Valle dos Caídos, tamén a ombros da vella garda; os monárquicos aplaudiron e moitos falanxistas asubiaron. Cousa da vida. E da morte.

En fin, que  Rosalía de Castro e Castelao  tamén bailaron o seu. A primeira pechou ollos  na súa casa da Padarón en 1885 e enterrárona alí, no cemiterio, a 800 metros. Normal.  Pero velaí que en 1891 sacárona en baile para Santiago -sempre lle gustara moito  a cidade- e comezaron ao redor dela o Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval. Un símbolo.

Castelao, que pousaba na Chacarita desde 1950, trouxérono, por decisión da familia, dos de Buenos Aires e do noso Parlamento, a proposta de Camilo Nogueira, un día de 1984 a facerlle compañía a Rosalía e outros que alí están. Os nacionalistas que aínda non baixaran do monte, que eran bastantes, montaron un número de vergoña histórica. Si. A andar cos mortos de aquí para alí, se cadra aínda lle gañamos aos ingleses. En fin, que repouse a defunta, descanse a familia, descansemos todos e acabe o circo.

Te puede interesar