Opinión

A bolboretiña do día | Refraneiro de decembro

Tempo de frío, claro. “Polo Nadal, frío cordial”, pero non tanto como en xaneiro e febreiro, de aí o de “Entre Santos e Nadal, inverno caroal; xaneiro e febreiro, inverno verdadeiro”.  Tempo de neves, “O día de San Nicolau (día 6) está a neve de pau en pau ou senón no chau”, ou o día 13 tamén se di “Día de Santa Lucía, neve na pía”. Desta santa hai moitos refráns, a maioría sobre o tema de medraren os días a partir da data. 

É boa cousa que chova, pois “Se Nadal nada, sinal de boa anada” (colleita do ano), pero non se pode un confiar porque as cousas sempre poden ir peor: “Nadal mollado, xaneiro xiado, coidado”. En calquera caso é tempo de recollerse e vir a casa: “Polo Nadal, cada ovella no seu curral”, pois “Pasa o Entroido onde puideres e a Noite Boa coas túas mulleres”.  En fin, ata o último día do ano ten un refrán específico: “Quen vai a San Silvestre a Souto, vai nun ano e volve noutro”. Mirei, mirei, e ningunha das cinco parroquias de San Silvestre de Galicia se chama Souto. Se cadra é só para que rime.

Te puede interesar