Opinión

Unha cacicadiña boa e feijoniana, seguramente

Estes días, douscentos cincuenta aniversario da morte do Padre Feijoo, o ourensán máis ilustre de cantos deu a historia, está el de moda. Grande exposición do Museo Arqueolóxico n’Abanca da Praza Maior, máis pequena do Arquivo Histórico no seu vestíbulo, xornada organizada polo Consello da Cultura no Liceo –mágoa que non coincidira en mellor data- e unha longa e interesantísima serie feita desde o Museo Arqueolóxico para este xornal. E como se pon de manifesto en todas as lembranzas deste ano, Ourense, desde que en 1876 se interesase pola súa figura, no bicentenario do seu nacemento, foi quen de pólo de moda na España intelectual. Non en van, a estatua –que por certo xa podía limpar o Concello- foi a primeira que se ergueu en Ourense, tal que en 1887. E tamén está, seguramente, na raíz da segunda estatua erguida, a de Concepción Arenal. Resulta que ao concurso sobre o Padre Feijoo se presentaran tres traballos, e había dúbidas entre dous deles. Un de Emilia Pardo Bazán e outro de Concepción Arenal. Quen levou os cartos do premio? Pois ningunha. Liouse o tema, traspasaron a responsabilidade decisoria a Oviedo por ser morada case permanente do de Casdemiro, e quedou así a cousa. Os liberais de Ourense, que termaban da opción Concepción Arenal, decidiron o ano da súa morte, 1893, facerlle unha estatua, a primeira de España, e que inauguraron en 1898, tamén, por subscrición popular, como a de Feijoo. Como debe ser.

Pero imos coa cacicada. Resulta que en 1945 convocara o mosteiro de Samos un premio para unha biografía do Padre Feijoo, de 1.500 cuartillas mínimo, a fallar en 1946. Déixano deserto e dan un ano para refacer os traballos presentados. Otero Pedrayo, que se presentara, debeuse ofender, non retocou nada, e o premio quedou deserto definitivamente. E pasou o tempo. Otero xubilouse en 1958. E sempre andou mal de cartos, porque o seu non era a xestión económica do patrimonio, algo que sempre levara dona Fita, súa nai. O caso é que á altura de 1964, Otero debía andar a rape roer –que era como dicía o meu avó, para falar da escasez de recursos- e cunha biografía enorme nun caixón. E naquel ano festexábase o douscentos aniversario da morte de Feijoo. Alguén sabedor de ambas circunstancias -seica Julio Francisco Ogando- moveu ficha na Deputación que presidía daquela Antonio Alés Reinlein, o arquitecto da Torre, e foi convocado, claro, un premio para unha biografía do Padre Feijoo dotado con 150.000 pesetas (o equivalente a 3.312.331 de pesetas de 2000, segundo as táboas). E saben quen gañou? Pois, si, loxicamente, Otero. Unha axudiña para a súa vellez. Logo, con eses bimbios, organizouse un Instituto de Estudios Orensanos Padre Feijoo, que presidiu nominalmente o de Trasalba, e que se dedicou ao meritorio labor nos anos setenta, de publicar cousas raras de alto interese especializado –documentación medieval, a biografía feita por Otero...- pero pouco para o público. Logo, a comezos dos oitenta, esmoreceu aínda que nunca foi disolvido. O catedrático e amigo Juan Luís Saco Cid pódelles dar testemuña directa dese solpor tranquilo.

Te puede interesar