Opinión

Camiño e camiños de nós

O sábado pasado participei xunto con outras 150 persoas nunha andaina entre o Caballiño, o lugar no que fixeran noite os camiñantes de Nós, en xullo de 1926, e a Insua dos Poetas, na Esgueva, nas terras estremeiras do Irixo.

E como se fartou de repetir  Luís González Tosar non se trataba de revirar o Camiño de Santiago e levalo por aquí ou por acolá, turrando da súa liña conforme a lexítimos pero esguellados intereses, senón de facer un Camiño de Nós, un camiño para festexar a cultura e as camiñadas daqueles homes  por Galicia adiante, desde esa de Ourense a Santiago, a primeira e ben relatada coas crónicas de Xabier Pardo na revista A Nosa Terra. Para este fin xa se xuntaron os alcaldes dos concellos de Ourense, Amoeiro, Maside, O Carballiño, o Irixo e dos outros dos concellos de Pontevedra e Coruña por onde viviran, pousadamente, natureza, amizade e “a Idea” durante esas xornadas. Son alcaldes de varias ideoloxías que  fixeron,  permítanmo unha “joint venture” unha alianza turístico histórica para turraren xuntos dun fío tan común é como o seu nome: Nós. Abofé que aqueles sete homes, unidos pola fe común do galeguismo, pola “Idea”, estarían encantados.

A camiñada desoutro día foi ben agradable. A “paso de boi” e nunca mellor dito, pois seguimos todos a unha parella de grandes cornudos. E tan cornudos coma educados, pois nin cunha soa bosta nos agasallaron no camiño, cousa que indo inmediatamente detrás, é de agradecer. Seica eran de por Chantada. Boas persoas. Bos bois. 

E si. Hoxe, no senso destes tempos que corren e non da concreción da xornada na que vivimos,  á xente deulle por andar. Os consellos médicos básicos, polivalentes e universais (non coma tanto, adelgace  e faga máis exercicio, ande unha hora ó día polo menos...) sen dúbida están na raíz da moda. Pero que sexa agradable  e gratis  andarmos polos camiños e non pagar “pe-axes” -dereitos de paso a pé, orixinalmente- axuda en grao superior. Deste xeito, repasando a prensa, vemos como o sábado pasado coincidiron varios roteiros, visitas e andainas: os amigos da relixión protestante, pola cidade; os do Foxo do lobo por onde a presa do embalse das Conchas, en Lobios;  os da Fundación Otero Pedrayo polo Pazo de Trasalba;  outros polo Xures, etc. etc.  E si. E como está de moda, preguntábame eu se ao abeiro deste grande, orixinal e primeiro “Camiño de Nós” de Ourense a Santiago, non estaría ben, organizar varios outros Camiños de Nós, con base local concreta e con distintas especialidades  e todos vinculados dun xeito ou doutro, aos homes e traballos de Nós. Voulles pór varios exemplos:

O camiño de Ourense a San Andrés de Teixido, andado por eles no ano 1927, é de xentes de Nós.  Os camiños polas terras de Celanova e A Merca  seguindo as catalogación dos Castros, e as pegadas dos estudos e actividades dos galeguistas na zona, tamén.  Desde o Castromao, á pintada de Adiante, na fachada do mosteiro, unha liña, por exemplo. 

Os camiños polas terras de Bande, Lobeira e Entrimo: Desde Aquis á Nosa Señora do Viso, ou do Penedo das sete espadas ás mámoas da Serra. O camiño Xocas, Desde Lobeira e Facós ao Viso. Os camiños das mámoas nos montes desde o Vieiro á Serra do Leboreiro, nas terras de Verea. Camiño da Parroquia de Velle. Desde Ourense a Vella con paradas los lugares recollidos no libro. Camiños de Castro Caldelas, seguindo os pasos de Risco. Camiños de Calvos de Randín, seguindo a obra de Floro. Camiños de Santa Marta de Moreiras, con Ben Cho Shey...

E esoutros das Terras do Ribeiro, do Deza, de Melide, da Barbanza... Unha “federación de camiños”. Aí vai un lema: “Andar Galicia é facela andar”. Non soa mal. E é certo.

Te puede interesar