Opinión

O de Cuba, a solución galega

As dúbidas de que o de Cuba se vai solucionar da mellor forma estánseme esvecendo como se dunha néboa lixeira se tratase nun mediodía dun día soleado e invernal en Ourense. Si. No comezo das conversas Cuba-EEUU, deume por rastrexar os participantes, porque me tiñan boa pinta. A xefa da delegación cubana, unha boa e discreta moza, nada figurín ao estilo da Fernández arxentina de labios salchicha e vestidos chamativos, senón máis ben tirando á elegancia escasa e sinxela da Merkel, resultábame interesante. Podería ser, por estética, primeira presidenta dos Estados Unidos, por exemplo. Ou da Cuba postcastrista. Furguei no seu pasado e alí descubrín que seguramente é a persoa máis indicada para desenguedellar o tema. No pasado foi diplomática do servizo de información sobre Estados Unidos, ou sexa, espía. Alá viviu na década dos oitenta e noventa. Casada con outro espía a quen nin sequera deixan entrar, hoxe por hoxe, nos EEUU. E como ben nos demostraron Adolfo Suárez ou Vladimir Putin, o mellor para desmontar un sistema é quen ben o coñeza por dentro, e saiba o que existe fóra. Esta moza, Josefina e o seu home, Anselmo, parecen moi interesados na mellor gobernanza futura do país. Ademais, dáme o corpo de que aos EEUU o que lles interesa é unha transición controlada, calma, que sitúe a Cuba nunha especie de China. Ou sexa economía capitalista ultraliberal, que cambie comunismo por consumismo –soan case igual- e no que a política quede fóra das preocupacións cidadás inmediatas. Entrementres, o estado pode seguirse denominando “comunista” para risa dos liberais do mundo e sufrimento e pasmo da vella esquerda. 

Si. Creo que un cambio radical, extremo, da situación política pode ter o perigo do descontrol social, polo que creo que o interese é hoxe desactivar en paralelo o extremismo dunha parte do exilio miamero con apoio republicano e o inmobilismo paleocomunista cubano. Si. Josefina co apoio inicial de Raúl Castro (83 anos), pode facer un traballo interesante. Despois tocaralle ir máis alá. Xa veremos.

Ademais hai outra vantaxe engadida. Os apelidos. Si. Ás veces os apelidos dannos pistas das formas de entender o mundo. Das procedencias, das culturas, polo menos. E das sensibilidades, se cadra. E saben vostedes cales son as grazas familiares da “directora general del Departamento de Estados Unidos del Ministerio de Relaciones Exteriores”, a negociadora principal de Cuba, seria e cumpridora na palabra dada, segundo di a negociadora USA, Roberta Jacobson? Pois Vidal Ferreiro. Si. Josefina Vidal Ferreiro, para servir a Cuba e á Historia, que diría ela. E saben como se chama seu home? Pois José Anselmo López Pereira. A negociadora estadounidense, a dita Jacobson, fala un castelán impecable, é especialista na teoloxía da liberación, feminismo e dereitos humanos. E Jacobson é o apelido do home. O dela de solteira, non o dei topado, pero non me estrañaría... En fin, non me negarán que para un lío montado por uns irmáns de Lugo, os Castro de Láncara, non lle ven ao pelo, unha muller, de apelidos tan exóticos como Vidal Ferreiro, casada cun López Pereira. Sorte para esas dúas mulleres, para os que as rodean, e para a súa misión.

Te puede interesar