Opinión

Eba ao lonxe: 125 e 50


Pois si, aínda que tratase moitas veces de ocultar a data de nacemento porque non quería ter que ver co século XIX, o certo é que Eduardo Blanco Amor naceu en 1897, hai pois, 125 anos. Data bastante redonda como para dedicarlle un cariño a quen sempre se queixou da falla del. Algo se fixo na cidade pero a verdade é que con este escritor extraordinario, ben se podía ter feito moito máis. E creo, tamén se podía ter aproveitado a ocasión,  porque se cumpre, ademais, o cincuenta aniversario da publicación de “Xente ao lonxe”, en 1972. Concordamos o outro día o profesor Armando Requeixo e este que lles escribe, no acto do PSOE en lembranza do escritor ao que fomos xentilmente convidados, en que cumpría volver  sobre “Xente ao lonxe”. Claro que si. Como é sabido, e o que non o saiba está a tempo, Blanco Amor sobre todo foi excelente poeta de novo, e xa maduro escribiu cinco obras narrativas  centradas en Ourense, pois como se fartou de dicir en palabras de Rainer María Rilke, “a verdadeira patria dunha persoa é a infancia” e nese pano de fondo situou toda a súa narrativa. Estas obras, en castelán e galego, son  as novelas La Catedral y el niño (1948), A Esmorga (1959), Los Miedos (1963), Xente ao lonxe (1972) e un libro de relatos -o seu libro máis querido- Os biosbardos (1963).  Da obra galega, sen dúbida a mais famosa é A Esmorga -coas súas dúas versións cinematográficas- e o libro de relatos Os biosbardos, onde hai algún conto, como “A Arrasadeira” que pode figurar entre os mellores da Europa do momento.  

Xente ao lonxe é o seu libro máis ambicioso; unha novela “total” con linguaxe case cinematográfica, a que máis traballo lle custou e que menos satisfaccións lle deu. Como saben, A Esmorga está protagonizada por tres marxinais nun ambiente de borrachos e putas ao longo de 24 horas e acaba en traxedia, e é relatado a través dun interrogatorio xudicial ao único dos tres personaxes que sobrevive a aquel día. Fóra a lingua que é moi forzada no seu intento de achegarse artificialmente ao rexistro que puidese falar aquela xentalla, é fácil de ler, cousa que se fai nun par de horas. Pero, Xente ao lonxe, unha novela que multiplica por cinco o tamaño da anterior, e é bastante máis complicada, non na lingua, senón  pola novidade estrutural de múltiples voces narradoras e puntos de vista, no que se moven unha pleiade de personaxes -chegan a 170-. A trama sitúase, como dicimos, na cidade de Ourense, pero non no marxinal d’A Esmorga -e menos no señorito, comercial e intelectual centro cidade de O porco de pé, de Risco ou do estudante fidalgo desacougado da oteriana La vocación de Adrián Silva-  senón no Ourense máis popular, no que nace o laicismo, o sindicalismo, e moitas outras novidades dunha sociedade en cambio, a das dúas primeiras décadas do S. XX. Desde as celebracións do primeiro de maio con manifestacións, verdadeiras procesións laicas, con imaxes de tres grandes oitos representando o desexo da compartición equilibrada entre traballo, lecer e descanso, ata a chegada dos xinecólogos que, nun comezo, atendían a putas e a señoritas que estudaban francés. Desde as manifestacións de protesta con motivo da feroz represión -9 mortos- no motín popular de Oseira en 1909 -por certo, sen placa nin escultura que lembre aquela traxedia no lugar- ata o esforzo na escolarización laica dos máis desfavorecidos. Un retablo total dun dos Ourense posibles.

Si, cómpre volver sobre Xente ao lonxe, como volverei eu sobre EBA no próximo artigo que, a verdade,  non lles contei unha cousa simpática e nova que descubrín o outro día sobre el.

Te puede interesar