Opinión

Feliz ano novo

Teño o pracer de desexarlles o mellor para este ano que comeza. Que veña cheo de saúde, de confianza, de esforzo, de traballo, de solidariedade, de amor e de todas as cousas boas que desexamos para nós e para os que queremos. E tamén para os demais.

Saben vostedes coma min que o calendario e o comezo do ano son cousas máis ou menos aleatorias. O tempo, as estacións, primavera, verán, outono e inverno, son como a cinta de Moebius: reprodúcense sen parar nunha espiral sen fin, cambiante e eterna, ascendente ou descendente, segundo se mire... Por iso, marcar un punto como o primeiro non é imposible de todo, pero sempre é aleatorio.

Sabemos que os chineses empezarán o 8 de febreiro que vén o ano do mono, co número 4714, mentres que o dous de outubro, en menos dun mes, musulmáns e xudeus teñen os seus aninovos. Os musulmáns o 1438 e os heberos, o 5777, que xa é correr. Esa coincidencia de data é porque, no fondo, todos semitas -uns din Shalom e outros Shalam-, irmáns rifados cos semellantes gustos culinarios e gusto por cubrir a cabeza. En fin.

Sabemos tamén que a data de comezo do ano no noso calendario tamén variou. Antigamente, desde antes de que Xulio César instituíra o calendario xuliano, xa empezaba o ano o un de marzo. E razón non lle faltaba aos antigos para poren como inicio, máis ou menos, o comezo da primavera e non a metade do inverno. Os romanos, daquela, xa usaban o ano dos doce e Xulio César instaurou o calendario xuliano que é, máis ou menos o de hoxe, cunhas pequenas reformas da época do papa Gregorio, por iso o noso se chama gregoriano. Curioso como por iniciativa do pelota de Marco Antonio, para satisfacer a vaidade de Xulio César, no ano 44 a.C. lle propuxo ao senado que mes que levaba o nome de quinto, Quintilis, se denominase Julium -o noso xullo, e para que fose mes longo -ata entón só tiña trinta- engadíronlle un día ripándollo a febreiro que tiña trinta e quedou en 29. E uns anos despois, para satisfacer a vaidade de Octavio Augusto, en 23 a.C. puxéronlle ao mes sexto, Sextil, o nome de Augusto, e non ía ser máis curto que o de Xulio César -tamén tiña trinta- polo que lle volveron sacar outro día ao pobre febeiriño curto que quedou cos seus vinte e oito, agás bisestos. Por certo que o día que se engadía non era ao final, senón o correspondente ao día 24 que se duplicaba (bis) e era o sexto día antes das calendas de marzo. Que eran, como dixemos, o inicio do ano.

En fin, que na actualidade para os bos propósitos -estudar, aprender inglés, ir ao ximnasio, coleccionar fascículos- e para as boas intencións de cambio de vida despois dese lapso de descanso máis prolongado do ano -tipo megadomingo- comeza co curso en setembro, que ten algo de megaluns. Así que, feliz ano, e que o comecen vostedes ben.

Te puede interesar