Opinión

Horarios e percepcións

O que máis me gusta de viaxar é falar coa xente. Por iso me gustan as linguas. Para falar co “outro”, co de alí e ver como ve, como vive, como sente o mundo. Pero non as grandes cousas tipo paz, guerra, crise, amor, odio... nas que, a pouco sensible que un sexa, temos todos máis ou menos as mesmiñas opinións porque todos somos seres máis ou menos humanos. Gústame oírlles as súas vivencias de cousas miúdas e cotiáns e a súa impresión sobre as nosas, que normalmente coñecen de xeito inda que sexa superficial por iso da globalización da información. Este amable contraste en como nós vemos aos demais e como nos ven eles é, se cadra, o máis significativo da pluralidade e riqueza do mundo.

O outro día aí atrás, nunha viaxe en bus de volta da fermosísima cidade de Lecce -a Florencia do sur, gábanse, xustamente, eles- ao lugar de Francavila Fontana onde parabamos, sempre na Apulia italiana, queixábame ao amigo Claudio do seu desaxuste co horario solar: era noite ás catro e cuarto, co que, a tarde, simplemente, desaparecía. Para a miña sorpresa retrucou sobreactuando un pouco ao xeito itálico e dicindo que o inconcebible era erguerse de noite e ir traballar de noite como faciamos, como facemos, neste tempo de inverno por esta nosa zona extremo occidental europea.

Eu, claro, dei en defender a bonanza do noso horario co argumento de que se ben empezabamos de noite, iamos a favor do día, que ao pouco de comezar as clases, xa dominaba a luz, e despois, grazas a iso, temos tardes, arestora curtas pero existentes, e no verán longas e xenerosas. Claudio amosouse irredutible, que non, que era un disparate erguerse no medio da noite pecha coa idea de ir traballar en vez de facelo como eles a sabor do día. (Ali amañece nestes dias ás sete e eles entran nas clases as oito.)

E claro, como a memoria é un fio que se vai encerrovellando e desencerrovellando aquí e ala, pois lembreime daquela dunha moza, Patricia Guzmán, do sur de Colombia, de Tumaco, un lugar preto da raia do ecuador. Hai moitos anos, no medio dunha conversa nun lugar perdido da Patagonia, interrogoume en como nos podiamos afacer a vivir nun sitio no que a duración do día e da noite cambiaba ao longo do ano e como faciamos para organizar e decidir entre os varios tipos de roupa para as tan distintas temperaturas e climas que, sen cambiar de lugar, nos viñan encima de xeito inexorable.

E non souben ben que contestarlle, porque nunca pensara no tema. Para min, simplemente era o máis natural. Para ella, un problema. E pensei como se pode enganar a visión das cousas, ao ver dificultades desde os teus ollos á hora de xulgar as naturezas dos outros onde eles non ven ningunha. En fin, que en dez días, os días xa medran. Iso que non estaría mal ter unha distinción de palabras entre día -horas de luz- e día -xornada- para non repetir na frase “día” con dous significados, como acabo de facer. Os italianos téñana. Din “notte e dì” por un lado, e “giorno” por outro. Así que buongiorno, se len isto pola mañá, aínda que non sexa aínda “dì”.

Te puede interesar