Opinión

Kochambre, de Churry Silva

O dicionario da RAE, na súa segunda acepción, dá como significado da palabra “Cochambre” “Conjunto de cosas sucias, viejas y estropeadas”. E como exemplo do uso da palabra di “La casa abandonada estaba llena de cochambre”. A palabra constrúese co sufixo -ambre que indica colectivo, -como en “pelambre”, “raigambre”- sobre o vello adxectivo “cocho” de evidente significado entre nós, como cousa sucia, en relación co animaliño ese que non levanta a vista do chan e que anda sobre xamóns e lacóns. Pero isto non lles vai ser unha “bolboretiña” máis de lingua, non teñan medo. Élles un tributo etimolóxico ao marabilloso espectáculo que Churry Silva, que co nome de Kochambre, nos ofreceu os xoves e venres da semana pasada, no teatro Principal. Non vou ser imparcial, non o pretendo, pois Churry -José María Martinez Sílva, o fillo de Marisol e Feliciano, o irmán de Sese, Hugo e Mónica- é amigo desde uns trinta anos antes de nacer. Amizades prenatais, pois Marisol e miña nai foron amigas desde que empezaron a estudar xuntas nas monxas alá nos anos corenta. Cando lle explicaba por videoguasap á miña filla barcelonesa que íamos á estrea de Kochambre de Churry, e pois como o artista vive en Madrid desde antes de ela nacer, pregunteille se se decataba de quen era. -Co que nos fixo rir de pequenas en Praia América cando imitaba ao Pato Donald!, Como non vou saber! -dixo. Así pois, catro xeracións, meus avós no seu tempo, miña nai, os meus irmáns e eu, e as miñas fillas gozamos ao longo dos tempos da proximidade con Churry e familia. Unha sorte. 

O artista é herdeiro dunha caste de Vilanova das Infantes que deu figuras como o Secundino Feijoo, fundador do circo que levaba o seu nome, o Padre Silva -tío de Churry- ou o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, primo carnal da nai. Xentes de arte, letras e de espectáculo. E Churry leva décadas sacando eses sorrisos e esas risas que levamos todos repregadas, ás veces acartonadas, dentro de nós, no medio dos problemas cotiáns. E lévao feito dun xeito fondamente persoal, en gabadas e premiadas montaxes e actuacións por todo o mundo coa súa compañía Ale-Hop, fundada en 1984 xunto coa súa inseparable Alejandra, desde os tempos da Ciudad de los Muchachos. De España a Rusia, a Italia, Francia, Emiratos Árabes, Israel, Argentina, Alemaña, Portugal, Suíza, Hungría, Austria... En fin, este seu espectáculo “Kochambre” definido por el como “farsa silente de un payaso surrealista” é un prodixio de arte escénica, artesanía e interpretación. Unha persoa soa, nun escenario que parece un faiado cheo de maletas, baúis, trastos vellos, que vai usando nun xogo de variadas humanizacións, é capaz de construír unha comunicación máxica e de máxima fluidez cun público que ás veces sorrí, ás veces ri a gargalladas, pero nin un segundo deixa de estar pendente e metido na obra. E sen palabras. As únicas que pronunciou, emocionado, foron as de agradecemento a un público que botou varios minutos en pé, aplaudindo. Hai unha ducia de anos, despois dun espectáculo “Navidades en el Prince” de Madrid, con máis de 70.000 espectadores, veu dicir nunha entrevista en El País que tiña unha espiña cravada: triunfar na súa terra. Creo que a “espiña” foi arrincada. Ou empezou a selo. Todos entendemos que os mozos que marcharon fixeron ben saír para formarse -no seu caso en Barcelona e Madrid- e para desenvolver as súas carreiras profesionais, pero tamén nos encanta que triunfen e volvan, e triunfen aquí tamén. Este é o caso Churry Silva, que despois dunha carreira de corenta anos dando luz e vida aos escenarios e alegría ao público, vén vivir de novo entre nós. Pousará os seus trastos vitais e os cochambrosos, alá pola parte de Cea, para seguir creando, organizando, argallando, e gozando dunha nova vida conquistada pola súa simpatía e bo facer, como auténtico profeta na súa Terra, pero de humor e da humanidade. Parabéns.

Te puede interesar