Opinión

Os límites do desexo

Unha das máximas principais que debe rexer nas intervención nos asuntos públicos -e tamén nos privados ou persoais- é que coas nosas accións cremos menos problemas dos que pretendemos solucionar. 

Nun poema do máis íntimo e transcendental libro de Rosalía de Castro, Follas Novas, titulado “Quen non xime?”, tratando desa angustia de vivir case consubstancial ao ser humano nalgún momento da súa vida, di: “Moita luz deslumbra os ollos e causa inquietude o moito desexar”. E si. Os límites razoables do desexo son fundamentais para o equilibrio, para a calma, para a satisfacción persoal. E debemos tratar de educar, nas casas, na escola, na tribo, no esforzo persoal e na ilusión da consecución de obxectivos persoais no mundo da realidade, do factible, dentro das nosas capacidades intelectuais ou físicas, e nun sistema que nos ofrece multitude de recursos. Si, nunca houbo tantas bibliotecas, bolsas e posibilidades de formación autónoma ou de lecer cultural accesibles, incluso online, que vez de ser un valor á baixa, debería ser moi á alza, a responsabilidade persoal e implicación máxima do individuo no seu porvir. 

Non se trata de fomentar o conformismo, senón de xestionar e dirixir en favor da felicidade e progreso persoal o noso inconformismo vital a través do esforzo e obxectivos propios. A pura e exclusiva instalación na reivindicación de grandes utopías colectivas conduce só a frustración, desánimo, negativismo e infelicidade. As mozas que lle tiraron o tomate aos xirasoles tiñan cara de non ter rido nos últimos meses.

O filósofo Baruch Spinoza -seica fillo dun xudeu ourensán, Miguel Espinosa, que pasou a Portugal e logo a Holanda, a dicir do historiador Benito Fernández Alonso- reflexiona na súa Ética sobre as paixóns humanas, imprescindibles para vivir. Agrúpaas entre as que teñen que ver coa alegrías que conducen á perfección e as da tristeza que o levan á imperfección. E esas “paixóns tristes” foron obxecto do último artigo da listísima Carmen Posadas no XL Semanal. Coméntanos nel o libro do sociólogo François Dubet La época de las pasiones tristes, nas que o francés fai unha reflexión sobre por que domina desde finais do século XX, a insatisfacción, resentimento, rancor e rabia na sociedade francesa. Agora, a percepción das desigualdades modificouse de xeito radical: as de clase quedan esvaídas -eu creo que non inocentemente- nun tempo con acceso común a certos hábitos, produtos e estéticas (fútbol, música, roupa, móbiles, televisores, hipermercados...), e nace unha indignación multifocal en base á pertenzas grupais que non son de natureza estritamente social. Promociónase que a caixeira do Gadis pense que ten máis en común con Ana María Botín, por ser muller que co seu compañeiro, repoñedor no supermercado, home, e como tal, inimigo en potencia. Ou que os cazadores son inimigos da natureza. Ou que é mellor o lobo que a ovella. E xa non digo dos que defendemos as nucleares como forma de independencia enerxética ou sostemos o dereito a existir de todos os estados, incluído Israel. 

O poder político tradicional e democrático non dá xestionado esta nova realidade adanista e sofre a ira e a indignación e as súas paixóns tristes que fan nacer cousas feas: a xenofobia da extrema dereita, o tratamento disparatado das cuestións de xénero -ata esa autodeterminación na nenez combatida polo heroico e histórico feminismo-, a consideración de “fascista” daquel que defenda o sistema político vixente, froito dun vello e bendito pacto constitucional. En fin, perdémonos nos espazos onde non identificamos referencias, mar ou deserto. E tamén nos podemos perder no terreo dos desexos sen límites. 

Te puede interesar