Opinión

As mociñas e os xirasoles

Pobres nenas! Vexo o video da “acción” desas mociñas tirándolle a sopa de tomate Heinz -malísima, por certo, só comestible por ingleses, que non saben comer-, digo, vexo a “acción” desas adolescentes ensuciando o cadro “Os xirasoles” de Van Gogh na National Gallery de Londres e sinto ese certo fastío global do que lles falaba na entrega anterior. Phoebe Plummer, 21 anos, pelo rosa, é a que falaba, e Anna Holand, 20 anos, morena, seriota, era a comparsa. Sáltame o fondo étnico da caste de tempos arcanos, como podería dicir Vicente Risco, e náceme na boca o refrán aquel de “A cabra co vicio dá cos cornos no cu” ou, na mente, transformada, o pensamento do filósofo español “el Fari”, a “sociedade blandengue”. Pobres nenas enganadas e autointoxicadas, arrichadas coa sobredose de presunta razón e conviccións absolutas. Como os etarras de outrora. Como calquera radicalismo extremo nestas sociedades nosas do primeiro mundo que vivimos, en conxunto, como nunca se viviu na historia da humanidade. Non valoramos o que temos e as posibilidades endóxenas de avance e perfeccionamento que ata aquí nos trouxeron. Habían de ver como eu vin, pelexas de cans e mendigos polos restos de comida do Hotel de Salvador de Bahía no que paraba. Si. Sinto pena por elas crérense tan cheas de razón, tan sabias, tan militantes, tan redentoras da humanidade como para ter bula para facer o que lles pete. Cousas de adolescentes presumidas e manipuladas.

No íntimo, saben que viven, que vivimos, nunha sociedade xenerosa e suave que as vai tratar como o que son, unhas neniñas malcriadas que fixeron unha cousa mala. Si. Noutra sociedade, noutro momento, se cadra non tan lonxe, terían outro castigo. Si. As neniñas están blindadas polo avance dos tempos. Sábense intocables e poden ter os berrinches que queiran. Non se lles poden nin dar uns merecidísimos azoutes. Sería maltrato infantil. Ou de xénero que teñen máis de 18 anos. Ademais, o seu avogado di que sabían que tiña cristal e non querían facer mal ningún. Tanto é así, que xa están na rúa, coa condición de non levaren sprays de pintura nin pegamentos encima. O que digo. Nada de nada. Inda van conceder entrevistas.

Desacóugame o vídeo da “acción” por existir e deixar que se difunda. Porque o automatismo sexa hoxe gravar co móbil, en vez de actuar. Humanidade descomprometida. Eu non son responsable da seguridade do Museo, claro. Non son garda. A culpa é deles por non ter un vixilante alí. É un problema de falla de medios froito da política do Goberno conservador británico. Eu gravo e subo á rede. Ou véndollo a unha cadea de televisión. Outrora, seguramente, a reacción dos visitantes sería botarlle mans ás nenas e non difundir esas parvixoladas: “Que vale máis a arte ou a vida? Vale máis cá comida? Vale máis cá xustiza? Que nos preocupa máis, a protección dunha pintura ou a protección do noso planeta e a xente?” En fin, a boa intención non basta. Non chega coa autoproclama pública e a xenerosidade con que nos xulgamos a nós mesmos. Eu son activista ecoloxista. E eu emperador Napoleón. Ou físico nuclear. Ou músico de vangarda. Ou parvo, simplemente. Vai ti ver. 

De ter mando na National Gallery, eu desaloxaba a sala, descolgaba o cadro para limpalo e deixaba as nenas coas mans pegadas á parede toda a noite. E coas luces apagadas. Que azoutes se perden.

Te puede interesar